Saturday 07 de June de 2025

Bergondo declara o Centro Sociocultural A Senra como novo Espazo Sen Fume coa colaboración da Asociación Española Contra o Cancro


• •Os Espazos Sen Fume son una iniciativa da Asociación Española Contra o Cancro, coa que se busca crear contornos de lecer ao aire libre libres de tabaco para protexer a saúde, especialmente da poboación máis nova

• O Concello de Bergondo e a Asociación Española Contra o Cancro impulsarán durante dous anos accións para fomentar o abandono do tabaco e crear espazos máis saudables.

O Concello de Bergondo e a Asociación Española Contra o Cancro presentaron oficialmente a declaración do Centro Sociocultural A Senra como novo Espazo Sen Fume. A iniciativa, que forma parte da campaña ‘Espazos Sen Fume’ promovida pola Asociación, ten como obxectivo protexer a saúde pública e concienciar sobre os riscos asociados ao consumo de tabaco e os dispositivos de vapeo, especialmente entre a poboación máis nova.

A presentación oficial do novo espazo tivo lugar onte á tarde e contou coa participación da alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, así como de representantes da Asociación Española Contra o Cancro: a presidenta da Xunta Local, Oliva Trasancos; o representante da Xunta Provincial, Javier Álvarez Barbeito, e a psicóloga e técnica de promoción de saúde da entidade, Rosa Trillo.
Para dar visibilidade ao novo espazo sen fume, instalouse sinalización específica na zona. Ademais, despois do acto, desenvolveuse unha charla impartida por Rosa Trillo baixo o título “Coidar aos que coidan”, centrada na importancia do coidado emocional e físico das persoas que exercen labores de coidado de pacientes con cancro.

A declaración do Centro Sociocultural A Senra como Espazo Sen Fume enmárcase nun convenio asinado entre o Concello de Bergondo e a Asociación Española Contra o Cancro, cunha vixencia de dous anos e que contempla diversas accións conxuntas para fomentar o abandono do consumo de tabaco e de vapeo, así como a promoción de estilos de vida máis saudables entre a veciñanza.
Estre centro sociocultural atópase nunha contorna que inclúe zonas de xogo e deporte utilizadas por nenos e nenas, así como un centro educativo nas proximidades. Por iso, desde o Concello e a Asociación destácase a importancia de declarar espazos libres de fume en lugares onde hai unha elevada presenza de menores, contribuíndo así á prevención e á sensibilización.

Un paso máis cara a unha sociedade libre de tabaco

Desde a Asociación Española Contra o Cancro, recordan que o tabaco é responsable de 1 de cada 3 casos de cancro e está relacionado con ata 16 tipos distintos da enfermidade, incluíndo o cancro oral, que representa un 33% dos casos. A creación de espazos libres de fume contribúe a protexer a saúde da poboación e a desnormalizar o consumo de tabaco e outros dispositivos en espazos públicos convivenciais.
Con esta declaración, Bergondo reforza o seu compromiso cunha vila máis saudable e únese aos obxectivos europeos de reducir a taxa de persoas fumadoras a menos do 5% para o ano 2040.

Sobre a Asociación Española Contra o Cancro

A Asociación Española Contra o Cancro é a entidade de referencia na loita contra o cancro desde hai 70 anos. Dedica os seus esforzos a amosar a realidade do cancro en España, detectar áreas de mellora e poñer en marcha un proceso de transformación social que permita corrixilas para acadar un abordaxe do cancro integral e multidisciplinar. No seu ADN está estar ao lado das persoas, polo que o seu traballo tamén se orienta a axudalas a previr o cancro; estar con elas e coas súas familias durante todo o proceso da enfermidade, se lles é diagnosticada; e mellorar o seu futuro co impulso á investigación oncolóxica. Neste sentido, a través da súa Fundación Científica, a Asociación agrupa a demanda social de investigación contra o cancro, financiando por concurso público programas de investigación científica oncolóxica de calidade. Hoxe en día, é a entidade social e privada que máis fondos destina á investigación do cancro: 143 millóns de euros en 750 proxectos, nos que participan máis de 2.300 investigadores.

A Asociación integra a pacientes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar, acompañar ás persoas afectadas e financiar proxectos de investigación oncolóxica que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro. Estruturada en 52 Sedes Provinciais, e presente en máis de 2.000 localidades españolas, conta con máis de 34.000 persoas voluntarias, máis de 650.000 persoas socias e case 1.200 profesionais.

Durante o 2024, a Asociación Española Contra o Cancro atendeu a máis de 350.000 persoas cos seus servizos de atención profesionalizada e acompañamento voluntario.

Deja un comentario