Saturday 07 de June de 2025

O auditorio de Santa Margarida acolle este sábado o festival inclusivo ‘On d Bass Vol.7’


O Concello colabora a través da Fundación Emalcsa nesta iniciativa organizada pola Asociación Cultural Negus

Este sábado, 7 de xuño, o auditorio do parque de Santa Margarida acollerá a celebración do festival inclusivo ‘On d Bass Vol.7’, organizado pola Asociación Cultural Negus coa colaboración do Concello e a Fundación Emalcsa. “Desde o Goberno de Inés Rey apostamos por ofrecer espazos ás entidades culturais da cidade que promoven eventos solidarios ou inclusivos coma este, que xa se ven celebrando no espazo

O Túnel do Coliseum”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

O evento de música reggae comezará ás 17.00 horas e a entrada será de balde. Participarán diferentes colectivos galegos como Soundkilla Soundsystem, Bass Dealer meets Pintega Sistema de Son, Delirium Soundsystem ou DJ Inclusivo, iniciativa que xorde do programa Cultura Accesible e Inclusiva da Fundación Emalcsa.

Este evento servirá tamén para conmemorar o 25 aniversario da Asociación Cultural Negus, unha agrupación que colabora co Concello e a Fundación Emalcsa desde o ano 2016, sempre a través de proxectos a prol da inclusión social e a integración da cultura en todos os seus proxectos. Nestes 25 anos Negus organizou actividades formativas e eventos musicais e culturais e coincidindo coa primeira edición do Foundation Reggae Festival.

O Festival Inclusivo ‘On d Bass Vol.7’ contará coa montaxe de tres Sound Systems artesanais, polas que pasarán coas súas sesións numerosos artistas locais, galegos e internacionais, así como a actuación do cantante senegalés Baba Sall e coa especial participación de alumnos de “Dj Inclusivo” provenientes de entidades como Down Coruña, Fundación ADCOR, CASCO e Artefios. No evento irá pasando alumnado de Dj Inclusivo que demostrarán ao público as habilidades aprendidas coas súas propias sesións.

Deja un comentario