
― A delegada da Xunta lembrou que esta actividade lévase a cabo na comarca do Barbanza por tratarse dunha das zonas de risco con máis incidencia de incendios forestais
― O obxectivo do simulacro, no que participaron máis dun centenar de persoas, foi comprobar a coordinación dos servizos implicados cos centros de coordinación de emerxencias no caso de situacións de lume con risco para bens, persoas e infraestruturas
A delegada da Xunta, Belén do Campo, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, a directora territorial da Consellería de presidencia, Xustiza e Deporte, Mar Ferreiro, e o xerente da AXEGA, Marcos Araujo, participaron, esta mañá, nun simulacro de Activación do Plan especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais en Galicia (PEIFOGA) e o seu paso a situación 2 por un incendio forestal en Rianxo.
A delegada da Xunta lembrou que esta actividade lévase a cabo na comarca do Barbanza por tratarse dunha das zonas de risco con máis incidencia de incendios. O obxectivo do simulacro, no que participaron máis dun centenar de persoas, foi comprobar a coordinación dos servizos implicados cos centros de coordinación de emerxencias no caso de situacións de lume con risco para bens, persoas e infraestruturas.
Belén do Campo explicou que o incendio iniciouse ás 8:45 horas na zona de Burés (parroquia de Asados) e foi avanzando cara ao suroeste ameazando a AG-11 e a diversos núcleos de poboación do termo municipal (Burés, O Barral, Somoza e proximidades do IES feliz Muriel) o que obrigou, por evolución desfavorable, a declarar primeiro a situación 1 (afección leve a bens de natureza non forestal), ao redor das 10:00 horas, e posteriormente a situación 2, sobre as 10:30 horas, (que é aquela na que afecta gravemente a bens non forestais obrigando a tomar medidas de protección para a poboación) neste caso afectou a varios núcleos de poboación da parte sur do municipio e a vías de comunicación.
As actuacións propias de extinción do incendio e de protección á poboación continuaron ata ás 13:00 horas que se informou de que xa non existían nucleos de poboación ameazados e deuse por controlado o incendio. Belén do Campo explicou que declarada a situación 2 asume a dirección do PEIFOGA (Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais de Galicia), a Delegada Territorial da Xunta de Galicia na Coruña coordinando os correspondentes centros de mando e control (Centro de Coordinación Operativa – CECOP e Posto de Mando Avanzado -PMA).
Con este exercicio, explicou a representante do Goberno autonómico, “tratamos de simular unha emerxencia provocada por un incendio forestal para avaliar a resposta coordinada dos diferentes corpos e servizos aplicando os plans de emerxencia correspondentes. Deste xeito, ademais de comprobar a operatividade do PEIFOGA serve para probar a súa coordinación co Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA).
Ademais da extinción, neste simulacro, os participantes adestraron actividades como a realización de cortes de estradas, a posta en práctica de accións de protección á poboación consistentes en evacuacións e confinamentos, segundo a evolución do incendio, ou a elaboración dunha mensaxe a través do sistema Es Alert con indicacións sobre as medidas de protección á poboación.
O simulacro permite ademais adestrar os sistemas de comunicación, informar á poboación das medidas de autoprotección e, sobre todo, testar as tarefas asignadas aos órganos de mando e coordinación e aos distintos grupos operativos e de apoio.
100 Participantes
No simulacro participaron 100 membros do persoal e medios do servizo de Prevención de Incendios Forestais de Medio Rural, persoal da dirección xeral de Emerxencias e Interior, a Axencia Galega de Emerxencias (112 e Grupo de Apoio Loxístico), membros do Consorcio Provincial de Bombeiros da Coruña (parque de Boiro), GES de Padrón, GES de Noia, grupo municipal de emerxencias de Ribeira, urxencias sanitarias 061, Cruz Vermella Española, Unidade de Policía Adscrita (UPA – Policía Autonómica), Garda Civil, Policía Local de Rianxo e Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Rianxo.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.