
Coa atención posta no tempo, o Concello de Neda última os preparativos da segunda edición do seu festival “Neda en danza”. A iniciativa cultural traerá este sábado, a partir das 20 horas, ao Paseo marítimo de Xuvia, á altura do albergue de peregrinos, tres espectáculos de danza contemporánea de compañías galegas de primeiro nivel.
O cartel do evento, destinado de promocionar na rúa unha arte chea de disciplina e de paixón, aposta por mostrar diversidade de estilos e máis de enfoques. Con propostas ben diferentes.
O certame arrancará con “Alleo”, unha delicada peza do Colectivo Glovo (Esther Latorre e Hugo Pereira) que acumula recoñecementos e premios. Unha obra que xira ao redor da idea da atalaia. Tras ela chegará o mar calmo e embravecido de Raquel Ferradás e a súa “Mesura”, que xa pasou con éxito por outros escenarios da comarca.
Finalmente, o Colectivo DeXeito porá o broche de ouro coa súa recreación, a través da danza e o movemento, da catástrofe ambiental do Prestixe. Unha peza, “77.000” (alusión ás toneladas de cru vertidas polo petroleiro), que rende tributo ao voluntariado que axudou a limpar a costa galega. A obra obtivo o Premio á mellor peza en Diálogos Contemporáneos do Festival DZM de Cáceres 2024.
O Concello conta para Neda en danza co apoio da Rede cultural da Deputación da Coruña. En caso de chuvia, tal e como sucedeu o pasado ano, as distintas actuacións trasladaranse ao polideportivo do instituto Fernando Esquío, situado xusto ao lado das instalacións turísticas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.