Saturday 07 de June de 2025

Aprobadas a regulación das VUT, que facilitará o alugueiro tradicional, e a Taxa Turística para promover un turismo sostible


O pleno tamén aprobou hoxe o novo convenio coa UDC para a Cidade das TIC, que suporá un investimento municipal de máis de 11 millóns de euros para o impulso do gran polo tecnolóxico de Galicia

O Concello aproba tamén a nova Ordenanza de Mobilidade, que actualiza toda a normativa municipal nese eido e regula o uso de bicicletas e VMP Luz verde á Ordenanza de Prais, que regulará a convivencia nos areais e permitirá limitar o uso de altofalantes sempre que sexan molestos

A nova ordenanza reguladora das vivendas de uso turístico (VUT) na Coruña entrará en vigor nos próximos días despois de que o Pleno do Concello aprobase definitivamente hoxe o marco normativo, ideado para reforzar o paquete de medidas que está a impulsar o Goberno de Inés Rey co obxectivo de afrontar as dificultades de acceso á vivenda — especialmente en réxime de alugueiro— na cidade.

Neste sentido, o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, lembrou hoxe que A Coruña é, desde a semana pasada, o primeiro concello de Galicia en obter a declaración de zona de mercado residencial tensionado, unha medida solicitada polo Concello á Xunta de Galicia coa finalidade de contribuír a conter os prezos da vivenda na Coruña. Díaz Gallego puxo en valor a aposta do Goberno de Inés Rey polas políticas de vivenda, indicando que a regulación das VUT é unha medida máis para controlar o correcto crecemento do sector turístico e limitando o impacto dese tipo de vivendas no mercado do alugueiro tradicional.

No referente aos asuntos de vivenda, o pleno ratificou este xoves o texto definitivo do conveniourbanístico mixto de planeamento e execución para o desenvolvemento do API Q28 no parque de Oza, que prevé a recuperación dos soares e leiras existentes entre o parque e o polideportivo municipal do Castrillón co obxectivo de impulsar desenvolvementos residenciais e crear máis áreas verdes e espazos de lecer para a veciñanza nuns enclaves que, a día de hoxe, son focos de maleza, con antigos inmobles en mal estado. “Continuamos hoxe avanzando no impulso das políticas de vivenda que a ciudadania coruñesa demanda tanto regulando as viviendas de uso turístico como impulsando un ámbito, o de Parque de Oza, que nos vai dotar de máis vivienda pública nunha posicion de centralidade da nosa cidade”, indicou Díaz Gallego.

A implantación da Taxa Turística, aprobada en fase inicial

Outro dos puntos destacados na parte resolutiva da orde do día foi a aprobación inicial da coñecida como Taxa Turística, unha recarga municipal sobre o imposto autonómico nas estadías turísticas, concibida para reforzar a prestación dos servizos públicos na cidade ante o aumento de viaxeiros que se está a contabilizar na Coruña nos últimos anos.

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, contextualizou a implantación desta medida, que deberá volver ao Pleno para a súa aprobación definitiva. “A taxa nace nun momento de crecemento do turismo, que na Coruña pasou de 750.000 persoas a rozar o millón en apenas dous anos. É bo que creza porque contribúe á xeración de emprego e riqueza, mais é bo tamén que o mesmo que contribúe aos gastos municipais contribúa tamén, aínda que minimamente, aos ingresos. Porque os servizos de seguridade ou de limpeza que pagamos entre todos tamén benefician a quen nos visita”, razoou.

A taxa, que oscilaría entre os 2,5 e 1€ en funcións dos aloxamentos, prevé exencións. Por exemplo, nas estadías por motivos de saúde, ás e aos deportistas federados por competición oficial, ás persoas menores de idade non emancipadas e ás persoas cunha discapacidade superior ao 65%, entre máis supostos, tal e como lembrou Lage.
“Somos un concello cun amplo potencial turístico. Temos moito percorrido aínda, mais o turismo é preciso regulalo antes de que se poida chegar a converter nun problema, porque un millón de persoas ao ano xeran a lóxica carga de traballo para o Concello e consideramos xusto que non sexan os nosos veciños os que a financien. Igual que nós viaxamos a Barcelona ou a Xenebra e aboamos a taxa sen maior problema, sucederá agora con quen nos visite”, explicou.

Nova ordenanza de mobilidade sostible

O Pleno tamén deu luz verde este xoves a nova Ordenanza de Mobilidade Sostible, normativa que recentemente se levou á Xunta de Goberno Local, onde recibiu o visto e prace antes de someterse á súa ratificación por parte da Corporación.

A concelleira Noemí Díaz lembrou a importancia desta iniciativa, que busca refundir as diversas normativas municipais existentes neste eido para unificalas nun mesmo documento, “facilitando así a súa interpretación e modernizándoo, tendo en conta que había aspectos que non se actualizaban desde hai case un cuarto de século e que a mobilidade da Coruña non é a de hai 25 anos e no futuro tamén será distinta”.

Díaz recalcou a necesidade de ir un paso por diante neste sentido, atendendo a que A Coruña se está a transformar, pouco a pouco, nunha cidade onde as persoas viandantes teñen prioridade e, despois, outros medios de mobilidade branda como a bicicleta e o transporte público. “Non se trata só de regular os espazos de paso de cada vehículo, senón tamén de pensar nas necesidades da cidade a medio e longo prazo”, apuntou Díaz, que subliñou que, nesta liña de traballo, tamén están a continuar os encontros participativos para definir o estudo do futuro servizo de transporte urbano.

Hoxe, ás 19.00 horas, haberá unha nova sesión no Fórum Metropolitano, coa participación da alcaldesa, Inés Rey.
“Esta ordenanza supon seguir avanzando na transformación da cidade cara esa Coruña máis sostible e humana, así o demostramos coas grandes actuaciones que estamos levando a cabo como a intermodal, a apertura da fachada marítima, e outras non menores como as importantes actuacions de reurbanización e humanización de espazos, son bo exemplo a rolda peonil, a rúa de San Andrés e a obra dos Cantóns, así como os 53 quilómetros de vías ciclables e as 80 bases de BiciCoruña. Esta nova realidade fai necesaria unha regulación actualizada, moderna e que garanta o uso do espazo publico, a mellora da saúde da cidadania e a seguridade de todos os modos de desprazamento”, indicou Díaz.

As praias, un espazo para o gozo e o lecer, en clave de convivencia

No referente á nova ordenanza de uso das praias da cidade, a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, apuntou á necesidade de configurar este marco normativo para atender ás demandas expostas pola cidadanía na consulta pública aberta polo Concello o ano pasado.

Neira precisou que, con este texto, establécense aspectos como a limitación dos altofalantes cando molestan ás persoas usuarias e tamén se determina cando é posible a práctica de deportes nos areais para facer compatible isto co uso das praias por parte das demais persoas. Ademais, a ordenanza mantén a prohibición de cans nas praias entre o 1 de xuño e 30 de setembro, excepto na cala canina de Bens e coa excepción dos cans auxiliares, de salvamento e de asistencia, que si poden acceder a estes espazos en todo momento. “Esta ordenanza é un punto de partida, non de chegada, e pretende integrar todos os interseses das personas que utilizan as praias. É unha norma basada en dous eixos: a convivencia nos areais e a protección do medio ambiente e a adecuación aos novos retos medioambientais”, indicou Yoya Neira.

Ao igual que no caso da ordenanza de mobilidade sostible, a das praias tamén deberá refrendarse de forma definitiva no Pleno.

O convenio plurianual entre o Concello e a UDC, xa en marcha

Noutra orde de asuntos, hoxe tamén se aprobou o convenio de colaboración entre o Concello da Coruña e a Universidade da Coruña para o impulso do proxecto da Cidade das TIC, que permitirá dar un novo pulo a un polígono tecnolóxico que xa é referente en Galicia. José Manuel Lage lembrou que este convenio “reforza o carácter municipal da iniciativa, asumindo directamente o Concello a concesión das parcelas, das que é titular Defensa”. Ademais, “o acordo reforza tamén a aposta pola nosa universidade pública, mantendo á UDC no liderado do I+D+i no parque tecnolóxico a dotándoa de novas infraestruturas para poder desenvolver tamén alí a súa actividade”, abundou Lage.

A este respecto, o Concello comprométese a facer un investimento de 11,2 millóns de euros en distintas anualidades ata o ano 2028, investimento que comezará este mesmo ano con 760.000 euros e que seguirá con 3,5 millóns máis por exercicio ata o 2028. Os ditos fondos permitirán a rehabilitación dos dous edificios cedidos á UDC, así como proseguir coas obras de urbanización na súa contorna.

Deja un comentario