
A proba está organizada xunto á propia entidade, a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza e a Federación Galega de Atletismo.
A Pobra do Caramiñal converterase, dentro dun mes, no escenario da IV Carreira solidaria ‘Móvete pola Diabetes’. A proba, que se desenvolverá o sábado 5 de xullo, está organizada polo Concello, a Asociación Anedia, a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza e a Federación Galega de Atletismo. O prazo de inscrición para anotarse está xa dispoñible, podendo participar tanto atletas federados como non federados.
Os corredores tomarán parte na proba divididos nas seguintes categorías en función das súas idades: sub-6, 8, 10, 12, 14, 16, 18, 20 e 23; sénior (do 2002 ata os 35 anos) e máster 1, 2, 3, 4, 5 e 6, para persoas de entre 35 e máis de 60 anos. Neste listado hai que sumar, así mesmo, Zapatilla inclusiva, dirixida a todas as idades.
En canto ao percorrido, o punto de saída e a liña de meta serán na praza Segundo Durán, pero a distancia variará tamén en función da idade dos corredores. Os nenos e nenas da sub-6 cubrirán 250 metros, os da sub-8 400, os da sub-10 farán 600 metros, sub-12, 14 e 16 un quilómetro e o resto de persoas realizarán un traxecto de tres quilómetros.
As probas comezarán ás 20.30 horas e o inicio realizarase por quendas en función das categorías, arrincando a última ás 22.00 horas. A entrega de premios aos mellores terá lugar ás 22.30 horas, e outorgaranse trofeos para o primeiro clasificado e medallas para os que acaden os segundos e terceiros postos, así como medallas para todos os nenos da sub-6 e sub-8.
Os cartos recadados destinaranse, integramente, á Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes. A entidade leva anos traballando para garantir a correcta atención a nivel educativo, laboral e sanitario das persoas con diabetes.
As persoas interesadas poderán anotarse xa a través do formulario dispoñible na páxina web Carreiras Galegas:
https://www.carreirasgalegas.com/events/iv-carreira-solidaria-mvete-pola-diabetes/3AmkbLl4
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.