
No Agra haberá actividades para todos os públicos ata o 29 de xuño, mentres en Mesoiro celebrarase unha polbada e churrascada
Esta fin de semana comezan as festas dos barrios da Coruña deste mes de xuño con dúas celebracións que terán lugar no Agra do Orzán e en Mesoiro e Vío. As festas son financiadas polo Concello a través do plan de apoio ás entidades veciñais para a celebración das súas festas patronais. Dita liña de subvencións conta cun orzamento total de 500.000 euros para todas as celebracións tradicionais dos barrios. “Desde o Goberno de Inés Rey temos democratizado este ano o proceso para que os diferentes barrios celebren as súas festas, dándolle ás asociacións unha maior autonomía para que confeccionen os programas”, indica Gonzalo Castro.
Por unha banda, este sábado comeza Foliagra, festa do bariro da Agra do Orzán organizada pola Asociación Veciñal da Agra do Orzán e que se prolongará ata o 29 de xuño con actividades para todas as idades. O programa inclúe ruadas, cantos de taberna e microconcertos da Escola Municipal de Música. Ademais, o domingo 29 clausurarase no auditorio do Centro Sociocultural Ágora coa actuación da Banda Municipal de Música, Uxía Senlle e Celina da Piedade.
Este sábado arrincará cunha ruada a cargo de Santaia, que comezará as 11.30 horas na praza das Conchiñas, e cantos de taberna dos grupos Cantareiros do Naval, Parabéns, Raíñas ao lado de… e Vento Mareiro. Serán nos locais O Chipirón, Órdenes, Vecino e Bendito Café. Comezará ás 19.30 horas.
Por outra banda, Mesoiro e Vío celebran este sábado as súas festas patronais de San Xosé. Durante a tarde haberá xogos infantís e a actuación do Mago Rafa. Por outra banda, desde a Asociación e Veciños Mesoiro e Vío organiza unha polbada e churrascada, que arrincará ás 20.30 horas e cuxas entradas xa están dispoñibles no local da asociación na rúa Horto, onde tamén se celebrará a cea e as actuacións musicais, a cargo de Boreal e Dúo Musical Galán.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.