Saturday 07 de June de 2025

Ricardo Darín e Andrea Pietra actuarán no Teatro Colón coa obra ‘Escenas de la vida conyugal’


A Coruña será unha das cinco cidades desta xira por España e as entradas para as catro funcións saen este xoves á venda

Ricardo Darín e Andrea Pietra, baixo a dirección de Norma Aleandro, volven a España con ‘Escenas de la vida conyugal’, obra mestra de Ingmar Bergman baseada na película do xenial director sueco. Esta versión leva xa máis de 700 funcións e máis de 1.000.000 de espectadores, o que a consolida como un dos clásicos modernos no noso idioma.

Despois de esgotar as localidades en todas as funcións de todas as cidades da súa última xira, chegan por primeira vez á Coruña para presentarse os días 29,30 e 31 de outubro e 1 de novembro no Teatro Colón, no marco dunha xira que os levará tamén a Madrid, Valencia, Avilés e Murcia. “Desde o Goberno de Inés Rey volvemos a amosar que A Coruña é a capital galega da cultura, contando con espectáculos de éxito mundial coma este”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

En ‘Escenas de la vida conyugal’ vemos a Juan e Mariana (Darín e Pietra), unha parella que vive distintos episodios nas distintas etapas do seu matrimonio, e que continúan despois do seu divorcio. Escenas cotiás, divertidas ou dramáticas que sempre resaltan as condición humana. Todas elas cunha forte presenza do amor e coas que calquera pode identificarse.

Esta obra foi concibida por Bergman en 1973 como unha miniserie para a televisión sueca, con Liv Ullman e Earlan Josephson como protagonistas. Foi unha versión de 5 horas de duración que espertou tanto interese que no seu último capítulo congregou fronte aos televisores a máis da metade da poboación sueca.
Con igual éxito presentouse en numerosos países. Pasou logo ao cinema, obtendo importantes premios como o Globo de Ouro ou o Bafta. En 1981, Bergman estreouna en teatro en Munich, onde se atopaba exiliado voluntariamente. A adaptación que se presenta nesta xira aposta polo esencial: texto, actores e emocións. Cun deseño escénico sobrio e sen artificios, a atención céntrase nos poderosos diálogos e as descarnadas interpretacións, que oscilan entre o humor, a tenrura e a dor.

Norma Aleandro, primeira dama da escena arxentina e directora desta versión, protagonizou a obra en 1992 xunto a Alfredo Alcón, no que se lembra como un dos fitos teatrais da carteleira porteña. Esta obra estreouse en 2013 no Teatro Maipo de Bos Aires e desde entón presentouse nas principais cidades de Arxentina, España, Chile, Uruguai e Perú, esgotando as localidades en todas as funcións. Ricardo Darín e Andrea Pietra, comparten ademais pantalla na serie ‘El Eternauta’, que se converteu na serie de Netflix máis vista no mundo en español. As entradas para as funcións no Teatro Colón atópanse xa á venda nas canles de venda habituais.

Deja un comentario