
A alcaldesa participará este sábado no “Ocean Rise & Coastal Resilience Summit”, un encontro internacional promovido no marco da Conferencia das Nacións Unidas sobre os Océanos (UNOC3) en Niza
Será asinada a Carta da Coalición para a Resiliencia Costeira polas persoas representantes das cidades e rexións costeiras
A alcaldesa, Inés Rey, participará este sábado 7 de xuño no “Ocean Rise & Coastal Resilience Summit”, que se celebra en Niza no marco da Conferencia das Nacións Unidas sobre os Océanos (UNOC3). No panel titulado “Ports, Cities and Regions: United for Coastal Resilience”, Rey presentará o proxecto Coruña Marítima como exemplo de integración da resiliencia climática na planificación urbana e portuaria.
A rexedora compartirá intervención co representante de Durban (Sudáfrica), Thabani Nyawose, nunha conversa moderada pola Asociación Internacional de Cidades Portuarias (AIVP), xunto a líderes doutras cidades como San Diego (EE.UU.), Cotonou (Benín), Mamoudzou (Mayotte) ou Le Havre (Francia), así como o senador estadounidense Sheldon Whitehouse.
Durante a súa intervención, Rey analizará o proxecto Coruña Marítima como modelo de colaboración institucional para transformar o bordo litoral da cidade, mellorar a súa relación co porto e prepararse ante os impactos do cambio climático. “É unha oportunidade para mostrar que
A Coruña aposta por un futuro costeiro sostible e tamén para aprender doutras cidades que, coma nós, están a afrontar desafíos similares”, sinalou a alcaldesa.
O cume reunirá en Niza a máis de 40 líderes políticos/as e institucionais de todo o mundo, con nove paneis temáticos centrados na adaptación ao cambio climático, a gobernanza multinivel, o financiamento verde e as solucións baseadas na natureza. Asistirán ao encontro o alcalde de Niza, Christian Estrosi; xunto coa ministra francesa de Transición Ecolóxica, Agnès Pannier-Runacher, e o ministro de Medio Ambiente e Enerxía de Costa Rica, Franz Tattenbach Capra. Ao remate, será asinada a Carta da Coalición para a Resiliencia Costeira polos vicepresidentes e representantes das cidades e rexións participantes.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.