Este mediodía botou a andar oficialmente a mesa que, apartir de agora, coordinará a loita contra a violencia de xénero no concello. Dela forman parte a propia administración municipal, a Garda Civil, o colexio público e tamén o centro de saúde, co obxectivo de traballar máis estreitamente na prevención, detección e seguimento de posibles casos do que o alcalde cualificou como “unha lacra social”. A mesa terá unha periodicidade semestral, aínda que poderá convocarse de forma urxente en calquera momento. A primeira xuntanza serviu para por en común os protocolos de actuación das distintas partes integradas neste foro de traballo.
A creación da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero acordouse por unanimidade dos tres grupos da corporación municipal no pleno do pasado 9 de xaneiro. Daquela o equipo de goberno explicara que a mesa xa viña funcionando desde o deseño do primeiro Plan de Igualdade de Oportunidades en 2013, aínda que non tiña o carácter oficial que adquiriu este mediodía. De feito, o obxecto de constituír formalmente este foro responde á necesidade de adoptar as recomendacións da FEGAMP e da Secretaría Xeral de Igualdade en materia de prevención e seguimento da violencia de xénero.
A MLC é un organismo de carácter técnico que se reunirá cada seis meses con carácter ordinario -e de forma urxente se as necesidades así o requiren- co obxectivo de continuar avanzando “na loita contra esta lacra social”, tal e como indicou o alcalde na sesión constitutiva que presidiu xusto antes de delegar esta función na concelleira de Igualdade, Ana Belén B. Gundín.
Por parte do Concello participan na mesa a traballadora social, a técnica de Igualdade e a orientadora laboral, ademais de Gundín e o titular de Servizos Sociais, Suso Soto. As outras institucións integradas na mesa son a Garda Civil -a través do responsable do posto de San Sadurniño-, o PAC -á primeira xuntanza asistiu un dos médicos do centro de saúde- e o CPI de San Sadurniño, representado pola orientadora educativa.
Cada unha destas institucións ten os seus propios procedementos de actuación cando existen evidencias de malos tratos, de aí que un dos primeiros obxectivos da Mesa será, segundo explicou Ana Belén Gundín, “establecer un protocolo de coordinación conxunto para saber os pasos que debemos seguir entre todos”. A finalidade é lograr unha maior efectividade e axilidade na resposta ante o problema. As liñas de traballo marcan catro grandes ámbitos: a detección precoz, a intervención inmediata, o seguimento dos casos -especialmente na atención ás vítimas- e todo o relacionado con campañas de sensibilización e educación.
Actos co gallo do Día da Muller
A primeira xuntanza da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional Contra a Violencia de xénero cadra na semana en que se celebra o acto central co gallo do Día Internacional da Muller. Está programado para este venres a partir das 18.30h. na Casa da Cultura e arrancará cunha breve presentación por parte da titular da área de Igualdade para despois darlle paso á proxección da curtametraxe “O tempo da mazá”, dirixida polo realizador Miguel Mariño dentro do proxecto Chanfaina Lab.
O programa tamén recolle a dramatización musicada do conto “As mulleres de Torneiros” a cargo do grupo A Tropa de Trapo. A historia describe un traballo de equipo e de amizade onde varias mulleres comparten anécdotas, medos, prexuízos, ilusións e esforzos para viviren unha grande aventura.
O acto de celebración do Día Internacional da Muller pechará coa proxección dunha peza referida ao programa “Tempos para compartir” e coa actuación do grupo de baile tradicional da AC As Aturuxeiras, acompañadas das nenas da escola municipal de pandeireta.