Saturday 07 de June de 2025

A Xunta dá luz verde ambiental á construción dunha sala de despezamento de gando vacún en Arteixo


— A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada

— A futura planta industrial dedicarase a despezar os animais adquiridos directamente a produtores así como á súa venta posterior en formato fresco ou conxelado

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao proxecto para construír unha nova planta de despezamento de gando vacún no concello de Arteixo, concretamente, no parque de actividades económicas do municipio (Acteca).
Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto, sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución autonómica.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a información pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de 11 organismos interesados.
Froito desas consultas, a maioría realizaron a valoración correspondente e estableceron condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación á protección da atmosfera, poboación e saúde; augas e leitos fluviais; xestión de residuos; integración paisaxística ou protección da fauna e da vexetación, entre outros.

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitirase a resolución ao órgano substantivo e daráselle publicidade a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería.

A instalación industrial localizarase nunha parcela cunha superficie total de 4.132 m² e contará cunha planta baixa, onde se procederá á produción dos elaborados cárnicos (1.253,94 m2) e unha primeira destinada a oficinas e almacén (576,06 m2).
Promovido por Alfredo Galván SL, empresa dedicada á distribución de carne de vacún nas instalacións que ten no polígono do Tambre, en Santiago, a sala proxectada en Arteixo dedicarase ao despezamento de canais, medios canais ou cuartos de canais, ademais de procesar tamén pezas de menor tamaño

Así mesmo, realizarase o procesamento de vísceras, callos ou patas dos propios canais. Segundo o documento ambiental presentado polo promotor, a capacidade da planta será de 36,162 toneladas/día.

Deja un comentario