
As dúas resolucións, que sairán publicadas proximamente no Diario Oficial de Galicia, inclúen condicionantes co fin de minimizar e compensar os posibles impactos que as iniciativas poidan ter nos distintos elementos existentes na contorna
Ambas actuacións son para a execución de liñas de media tensión, a instalación dun centro de transformación e a substitución de tramos da rede de baixa tensión cos que mellorar a subministración eléctrica aos núcleos de poboación próximos
Os informes son froito do exhaustivo traballo dos técnicos de distintos departamentos para garantir a preservación dos valores ambientais, culturais, patrimoniais e socioeconómicos existentes na zona
O Executivo galego lembra que este é un paso máis na tramitación dos expedientes e que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes exixibles para a execución e funcionamento do proxecto
A Xunta emitiu dous informes de impacto ambiental (IIA) favorables a outros tantos proxectos -un no concello de Carral e outro nas Pontes de García Rodríguez- para o desenvolvemento de liñas eléctricas de media tensión coas que mellorar o servizo prestado á cidadanía existente na contorna. Non obstante, ambas resolucións están condicionadas ao cumprimento das exixencias recollidas tanto nos distintos informes sectoriais emitidos sobre o seu impacto como nos propios IIA co fin de minimizar e compensar os posibles efectos na contorna.
As dúas resolucións -sobre proxectos promovidos por UFD Distribución Electricidad- sairán publicadas proximamente no Diario Oficial de Galicia e son o resultado dunha tramitación exhaustiva, rigorosa e garante da preservación dos distintos elementos que é preciso protexer no que se inclúen pautas ao promotor sobre como se debe desenvolver o proxecto para que sexa ambientalmente autorizable e viable.
No caso do proxecto de Carral, ten como finalidade mellorar a calidade da subministración eléctrica no lugar de Canedo, na parroquia de Santa María de Beira, mediante a execución dunha nova liña de media tensión aérea de 32 metros de lonxitude a partir doutra xa existente, a instalación dun centro de transformación e a substitución de distintos tramos da rede de baixa tensión. Polo tanto, e dado que se maximizará o aproveitamento das infraestruturas xa existentes, considérase que o impacto na contorna non será significativo.
Mentres, a iniciativa das Pontes de García Rodríguez é para mellorar a subministración no lugar de Benade, na parroquia de San Pedro de Faeira, mediante a instalación dunha liña de media tensión aérea de 293 metros de lonxitude -que precisa de tres novos apoios-, un novo centro de transformación e unha nova saída de liña de baixa tensión aérea para enlazar coa rede de baixa tensión existente, para a que tamén se require un novo apoio. Ao mesmo tempo realizarase a substitución de 844 metros do cable condutor de baixa tensión, actuacións que non terán un impacto significativo na zona.
Agora o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria, como órgano substantivo -encargado de tramitar o conxunto do proxecto e de autorizalo en última instancia-, pasa a asumir de novo os expedientes dos dous proxectos unha vez completados os trámites ambientais e encargarase de velar, en caso de saír adiante, polo cumprimento das exixencias ambientais recollidas tanto nos distintos informes sectoriais como nos propios IIA e nos respectivos plans de vixilancia ambiental de aplicación a cada unha das iniciativas.
Avaliación ambiental
O obxectivo dos informes de impacto ambiental é avaliar a integración dos aspectos ambientais de cada proxecto e determinar as condicións que deben establecerse para a adecuada protección do territorio e dos recursos naturais tanto durante a execución e explotación como no cese ou desmantelamento das distintas iniciativas.
De feito, calquera proxecto industrial ten un impacto no territorio, pero os seus efectos non poden ser significativos, polo que a avaliación ambiental é o trámite encargado de determinar como e de que xeito se poden minimizar, compensar ou mesmo restaurar as zonas afectadas pola súa posta en marcha e durante o seu funcionamento futuro.
Estamos ante un procedemento do máis exixente como demostra o feito de que a maioría dos IIA favorables -como é o caso destes- inclúen condicionantes e un plan de vixilancia ambiental que é de aplicación aos proxectos. Nestes dous casos, os distintos departamentos consultados fixan condicionantes ou medidas correctoras para velar pola protección dos espazos naturais existentes na contorna, da flora e da fauna, pola calidade das augas, pola saúde pública, pola preservación do patrimonio cultural existente nas proximidades e pola paisaxe, entre outras.
Estes informes de impacto ambiental favorables, non obstante, non eximen ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que sexan legalmente exixibles para a execución e funcionamento do proxecto.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.