
O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e a presidenta do club Hockey Narón, Vero Ramos, presentaron hoxe a primeira edición do Torneo de hockey patíns Cidade de Narón. Un evento que, tal e como avanzaron, se desenvolverá en horario de mañá e tarde nas instalacións do pavillón polideportivo do Val e que reunirá a preto de 200 deportistas de seis clubs, entre eles o local.
A maiores do Hockey Narón competirán neste torneo os clubs HC As Pontes, HC Cambre, HC Oleiros, Hockey Oroso e a SD Ponferradina. As escolas do Hockey Narón e abrirán a programación co primeiro partido das 11:00 horas e haberá tamén partidos do Narón e os clubs das Pontes e Ponferradina ata as 13:00 horas. Nese momento, para amenizar a convocatoria, haberá unha exhibición de baile de All dance studio para, ao remate da mesma, proceder á entrega de medallas para a categoría das escolas e rematar a xornada matinal co partido das 13:30 entre os deportistas da categoría alevín do club das Pontes e do Ponferradina.
Tras un descanso para xantar -a AVV Os Irmandiños, do Val, informou que se poderá comer nun posto de polbo que estará nas inmediacións do pavillón- , continuarán os partidos ás 15:45 horas na categoría de prebenxamíns e seguirán ata as 19:30 horas, momento no que haberá sorpresas, sorteos e se procederá á entrega de medallas. Os integrantes do equipo senior do Hockey Narón mix e o CH Oleiros xogarán o último partido ás 20:00 horas.
“Estamos moi contenos de que xoguen neste torneo tantos clubs e queremos agradecer o labor das familias, dos socios e socias e dos adestradores e o seu esforzo, en xeral de todas as persoas que nos apoian”, recalcou a presidenta do Hockey Narón.
O concelleiro de Deportes destacou o feito de que o club local acadase xa importantes resultados nas competicións nas que participou dende febreiro deste ano, con tres categorías, e o labor das persoas que integran o Hockey Narón e das familias. “É un orgullo que un club dos de máis nova creación na nos acidade conte a día de hoxe cunha xogadora na categoría alevín da selección galega e que na liga autonómica que rematou hai tan só uns días acadase importantes postos”, asegurou Santalla, desexando “moitos máis éxitos na vosa traxectoria, que estou seguro que coa vosa constancia e esforzo acadaredes, e que será un pracer poder celebrar con vós dende Narón”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.