
O orzamento máximo de licitación supera os 1.090.000 euros.
O Concello vén de sacar a licitación a execución do proxecto dirixido a reformar integralmente o edificio de Servizos Múltiples para transformalo nunha instalación moderna que sexa multifuncional, inclusiva e atractiva para persoas de todas as idades e que será denominada Edificio Interxeracional, xa que se fará mediante unha intervención arquitectónica e social enfocada a crear espazos nos que poidan convivir cidadáns de xeracións distintas (nenos, mozos, adultos e persoas maiores) para fomentar a interacción, o apoio mutuo e o sentido de comunidade.
O inmoble, situado na céntrica Avenida López Astray da capital municipal, consta de soto, planta baixa e tres plantas. O proxecto prevé unha redistribución dos espazos para optimizalos, incrementar as superficies e favorecer a accesibilidade para persoas que presenten dificultades físicas ou cognitivas.
As principais novidades serán a creación de aulas dixitais nas que ofrecer á cidadanía novas oportunidades formativas e de ocio e espazos dirixidos especificamente a acoller actividades xuvenís de diversa índole.
Gran parte do investimento irá dirixido a medidas relacionadas coa eficiencia enerxética, tales como a renovación da envolvente e dos sistemas de calefacción e ventilación. O Edificio Interxeracional tamén será dotado cun sistema de captación de enerxía solar fotovoltaica para o autoconsumo eléctrico.
O orzamento máximo de licitación é de 1.090.098,05 euros. A intervención será financiada polo Instituto para la Transición Justa ao abeiro da convocatoria de axudas dirixidas a proxectos e infraestruturas ambientais, sociais e dixitais no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia a financiar cos fondos europeos Next Generation. As empresas interesadas en concorrer ao procedemento de contratación teñen de prazo ata o día 23 de xuño para presentar ofertas.
O Concello valora a futura creación do Edificio Interxeracional como unha iniciativa de alto valor e relevancia desde os puntos de vista social e urbanístico, xa que polo seu emprazamento céntrico e características, o novo equipamento público será un punto de referencia para a cidadanía e beneficiará ao conxunto da poboación larachesa ao xerar un impacto positivo no benestar e no desenvolvemento de persoas de todas as idades.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.