Friday 06 de June de 2025

Rueda salienta o liderado de Galicia en distintivos de calidade ambiental con 137 Bandeiras Azuis


— Subliña que este verán será especialmente significativo, xa que o 1 de xullo culminará o proceso de traspaso da xestión do litoral á Xunta de a Galicia

— Entre as novidades desta convocatoria figuran a praia de Mende, en Vigo, que recibe o distintivo por primeira vez, ou o Liceo Marítimo de Bouzas, que se incorpora á lista de instalacións deportivas recoñecidas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe o liderado de Galicia en distintivos de calidade ambiental con 137 bandeiras azuis.
O titular do Goberno galego participou hoxe no acto de entrega das bandeiras azuis en Galicia, onde puxo en valor o “recoñecemento” que supón o distintivo tras un “duro exame e fiscalización”, enviando unha “mensaxe de que hai un lugar que paga a pena visitar”. Ademais, salientou o traballo que desde hai anos se realiza para garantir a protección do litoral galego, a calidade ambiental e a promoción dun turismo sostible e con identidade propia.

Así, Rueda destacou que a importancia destes distintivos vai máis aló do seu valor simbólico, representando un recoñecemento ao labor dos concellos, dos equipos de limpeza e seguridade, así como da cidadanía, que “coida e se preocupa” polos recursos naturais.

Na edición deste ano, Galicia volve situarse entre as Comunidades Autónomas con máis bandeiras azuis do Estado, cun total de 137 distintivos: 108 en praias, 12 en portos deportivos e 17 en centros azuis. A estes súmanse 54 sendeiros azuis recoñecidos no primeiro trimestre do ano, o que supón un total de 191 galardóns, dous máis que en 2024. Con estas cifras, Galicia mantense como a terceira Comunidade con máis bandeiras e lidera a nivel estatal o número de rutas azuis, que suman preto de 400 quilómetros.

O xefe do Executivo autonómico destacou tamén as novas incorporacións nesta edición, como a praia de Mende, en Vigo, que recibe o distintivo por primeira vez, ou o Liceo Marítimo de Bouzas, que se incorpora á lista de portos deportivos recoñecidos. Ademais, engádense dous novos centros azuis: o Museo do Mar de Sorrizo (Arteixo) e o Visor Nautilus, nas instalacións da Autoridade Portuaria de Vigo.
Rueda subliñou que este verán será “especialmente” significativo, xa que o 1 de xullo culminará o proceso de traspaso das funcións e servizos para a xestión do litoral á Xunta de Galicia, o que permitirá unha actuación directa, ordenada e sustentable da costa, con garantías de emprego e seguridade xurídica.

Neste sentido, o presidente sinalou a necesaria colaboración cos concellos, unha “responsabilidade compartida” na mellor xestión do litoral, e afirmou que as bandeiras son un símbolo desa tarefa colectiva e da “Galicia Calidade que facemos entre todos”.

Deja un comentario