Saturday 07 de June de 2025

O Concello avanza na rehabilitación do conxunto de Caramoniña coa contratación do proxecto


O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, explicou en rolda de prensa este mércores o avances do Concello para a rehabilitación do conxunto de edificacións municipais ubicadas na rúa de Caramoniña e que teñen destino a vivenda pública. A Xunta de Goberno Local deste luns 2 de xuño aprobou o inicio do expediente para contratar o Servizo de asistencia técnica para a redacción do proxecto básico e de execución, dirección de obra e traballos complementarios, cun orzamento base de licitación de 66.668,71 euros (base impoñible de 55.098,11 euros máis IVE do 21% de 11.570,60 euros).

Na súa comparecencia ante os medios, Iago Lestegás fixo un recordatorio da situación hasta este momento, que parte dun concurso en 2020, do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. No caso de Santiago, escolleuse o conxunto de Caramoniña para a súa rehabilitación e, froito do concurso seleccionouse un anteproxecto premiado e outras tres mencións de honra.

Cinco anos despois dese concurso, a XGL do pasado luns acordou aprobar o expediente que ten por obxecto a licitación do Servizo de asistencia técnica para a redacción do proxecto básico e de execución e do estudo de seguridade e saúde, dirección de obra e traballos complementarios. Desta forma, abriuse un procedemento de adxudicación negociado sen publicidade convidando á negociación os catros equipos premiados no concurso. Neste procedemento, o Concello solicitaralle unha oferta económica a cada un deles.

Seguindo coa explicación, Iago Lestegás informou de que, a continuación, o órgano de contratación negociará co primeiro premiado do concurso o axuste da súa oferta económica á mais baixa das presentadas e a súa disposición a adaptar a proposta arquitectónica que presentou ao concurso ás prescricións técnicas definidas pola xefatura do Servizo de Licenzas e Disciplina Urbanística, co fin de garantir que se axusta ás determinacións do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica. En caso de aceptar as condicións, contrátase o primeiro convidado a executar os traballos obxecto do contrato; en caso contrario, seguirase co segundo o mesmo procedemento.

Os edificios

Os edificios están situados na parcela cualificada como equipamento público asistencial AS.D-26, obtida como resultado de cesión no marco do desenvolvemento da unidade U-4 Caramoniña prevista no PE-1. Desta maneira , ao ser equipamento público asistencial, as vivendas destinaranse a colectivos con especiais dificultades para acceder a unha vivenda.

“Esta actuación pretende ser o xermolo dun parque público de vivenda de titularidade municipal creado principalmente a través da rehabilitación do patrimonio existente. E pretende ser tamén unha actuación exemplar no relativo á intervención no patrimonio, ao aproveitamento do que xa está construído e á recuperación de inmobles en ruínas, xa que as administracións temos que dar exemplo”, reflexionou Iago Lestegás.

Prazos

Na súa intervención, o concelleiro informou dos prazos previstos e indicou que a previsión é comezar a obra de rehabilitación en 2026 cunha duración de nove meses. Nos vindeiros días, contactarase cos catro equipos. O licitador terá 15 días naturais para presentar a súa oferta, contados dende o día seguinte á data de recepción da invitación a participar no procedemento. A fase de negociación durará unha ou dúas semanas e, a continuación, o contratista terá 10 días hábiles para presentar a documentació. A previsión, tras contar co informe de Intervención, e que estea adxudicado a finais de xullo.

Conformidade en Mallou

Doutra banda, o concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica aproveitou a súa comparecencia para anunciar que o seu departamento deu conformidade á Xunta á proposta de declaración de interese autonómico da actuación de desenvolvemento do sector de solo urbanizable SUD-1 (Mallou) do PXOM para a construción de vivendas maioritariamente sometidas a algún réxime de protección pública.

Iago Lestegás indicou que, tras recibir a solicitude da Xunta, o Concello de Santiago solicitou información máis detallada sobre as características da actuación proposta. no seu escrito, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) presentou escrito indicando que estima a construción de arredor de 3.460 vivendas, desagregadas nos seguintes tipos: 20% vivenda de promoción pública (VPP); 20% vivenda de protección autonómica (VPA) de réxime xeral; 20% VPA de réxime especial; 20% VPA de réxime concertado; e 20% de vivenda libre (non cualificada como protexida).

Na resolución, o Concello indica que a actuación proposta é de interese xeral e resulta compatible coas determinacións do vixente plan xeral no ámbito do SUD-1, que establece como uso característico o de “vivenda en réxime de protección en solo de promoción pública”.

Deja un comentario