Friday 06 de June de 2025

O Ciclo Mestre Mateo de Curtas comeza o venres en Betanzos para percorrer ata outono 24 concellos co apoio da Xunta


— As oito pezas finalistas e gañadoras dos últimos Premios Mestre Mateo proxectaranse en localidades que non contan con salas de exhibición estables

— Na selección figuran filmes realizados con subvención da Xunta como ‘Platónico, Platónica’, ‘Pura’, ‘Véxote’ e ‘Eu vou comigo’, ademais de ‘Nai’, ‘Sinapse’, ‘Avetimología’ e ‘Noites de prata’

— Por segundo ano consecutivo, as curtas pasan a formar parte da carteleira deste circuíto de cinema galego grazas a un acordo entre a Academia Galega do Audiovisual e as administracións central e autonómica

As curtametraxes volven formar parte do Ciclo de Cinema Mestre Mateo que, grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia e a Academia Galega do Audiovisual, levará os oito filmes curtos de ficción e animación finalistas e gañadores da última edición dos Premios Mestre Mateo a 24 concellos das catro provincias localizados fóra da contorna das grandes cidades e que non contan cunha oferta de salas comerciais estables.

O programa, dividido en dúas sesións, inclúe os filmes finalistas nas categorías de Mellor Curtametraxe de Animación e Mellor Curtametraxe de Imaxe Real da última edición dos devanditos galardóns, con varios títulos que contaron con subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para o seu desenvolvemento. No bloque de ficción poderán verse Pura, de Carmen Méndez; Véxote, de Óscar Pardo; Nai, de Tito Refoxo; e Platónico, Platónica, de Xacio Baño. Na categoría de animación exhibiranse Eu vou comigo, dirixida por Chelo Loureiro; Sinapse, de Carlos Cuesta; Avetimología, de Xosé Zapata; e Noites de prata, de Soraya Antelo.

O calendario de proxeccións arrancará o venres, día 6, no cine Alfonsetti de Betanzos e a partir de aí percorrerá ata outono Boiro, Cedeira, Cerceda, Valdoviño e Vimianzo na provincia da Coruña; Marín, Mondariz, Salvaterra do Miño e Vilanova de Arousa na de Pontevedra; e A Fonsagrada, A Pobra do Brollón, Foz, Meira, Monterroso, Sarria, Taboada e Vilalba na de Lugo. Están por pecharse as proxeccións noutros sete concellos da provincia de Ourense que se engadirán ao programa nas próximas datas.

Aposta pola cultura accesible e polo formato curto
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, que participou na presentación do ciclo canda a vogal da Academia, Carmen Méndez, e as directoras e directores das curtametraxes incluídas no programa, enmarcou este circuíto dentro de varios dos obxectivos principais das políticas culturais do Goberno galego en relación coa accesibilidade e a promoción dos novos talentos do audiovisual. Para o representante da consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, este ciclo, que se converte na mostra de exhibición de curtametraxes galegas con maior penetración territorial, a escolla das localidades onde se van exhibir os filmes constitúe unha aposta pola descentralización da oferta cultural, dándolle cumprimento á Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia.

Incidiu tamén na importancia de artellar un circuíto específico programando curtas de xeito exclusivo, sen preceder ou suceder a proxección dunha longametraxe, xa que deste xeito se centra a atención nun formato no que Galicia posúe unha gran produción e de elevada calidade.

“O devandito ciclo complementa tamén unha liña de traballo que temos en conta cada ano desde a Consellería de Cultura respecto á dinamización na realización e difusión de curtametraxes galegas. Baste citar, por exemplo, as modalidades específicas incluídas nas liñas de axuda ao audiovisual ou, mesmamente, a edición do catálogo ‘Shorts From Galicia’ que cada ano renovamos e iniciamos a distribuír no mercado internacional asociado ao festival francés de Clermont-Ferrand, o maior e máis prestixioso punto de encontro do xénero”, abondou.

O director de Industrias Culturais aproveitou a ocasión para darlle publicamente a benvida á nova directiva da Academia Galega do Audiovisual, que desde o pasado día 30 preside Lucía Veiga, e para agradecer o traballo realizado nos últimos anos polo equipo saínte encabezado por Álvaro Pérez Becerra.

O Ciclo Mestre Mateo de Curtas está financiado en virtude do acordo acadado para esta actividade entre a Axencia Galega das Industrias Culturais e o Instituto de Cinematografía y de las Artes Audiovisuales do Ministerio de Cultura.

Deja un comentario