
O Obelisco acolleu esta mañá a presentación da marcha solidaria, que reunirá a centos de participantes en apoio á investigación e ás persoas afectadas polo cancro
A cidade da Coruña volverá vestirse de verde este domingo 8 de xuño con motivo da celebración da XII edición da andaina solidaria ‘A Coruña en Marcha contra o Cancro’, organizada pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC) na provincia da Coruña en colaboración co Concello. O evento, aberto a todas as idades e sen carácter competitivo, partirá ás 10.00 horas dende o Obelisco e percorrerá cinco quilómetros polo centro urbano.
O acto de presentación celebrouse esta mañá no propio Obelisco e contou coa presenza da concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa; do concelleiro de Deportes, Manuel José Vázquez Martínez; do presidente da Xunta Provincial da AECC, Manuel Aguilar; da investigadora do INIBIC, Angélica Figueroa; así como de persoas voluntarias, doentes e representantes das entidades colaboradoras.
Durante o acto, a concelleira Nereida Canosa subliñou o fondo significado da andaina, máis alá do aspecto deportivo. Afirmou que se trata dunha expresión do espírito solidario da Coruña, unha oportunidade para “acompañar as persoas afectadas polo cancro, darlle visibilidade á súa realidade e reivindicar a importancia da investigación científica”.
O presidente da AECC na provincia, Manuel Aguilar, agradeceu a implicación das persoas voluntarias, das entidades colaboradoras e do Concello, e destacou que esta cita solidaria “é moito máis ca unha marcha: é un compromiso colectivo co apoio, a investigación e a esperanza”.
A doutora Angélica Figueroa, investigadora do INIBIC, puxo en valor o apoio da AECC á ciencia e á investigación biomédica, e sinalou que eventos como este “teñen un gran valor tanto para os doentes como para o impulso de proxectos que buscan avanzar no coñecemento e tratamento do cancro”.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición ata o propio día da marcha a través da web www.corunaenmarcha.com, na sede da Asociación (rúa Real, 1) ou na sección de Deportes de El Corte Inglés en Ramón y Cajal. O prezo é de 10 euros para persoas adultas e 5 euros para menores de 12 anos. Aquelas persoas que non poidan participar poden colaborar igualmente a través do Dorsal 0 dispoñible na web, por Bizum (06505) ou mediante unha transferencia bancaria.
Durante a mañá do domingo haberá tamén actividades e sorpresas para todas as idades. Todo o recadado destinarase á investigación oncolóxica e á prestación gratuíta de servizos que a AECC ofrece a persoas enfermas e ás súas familias na provincia da Coruña, como atención psicolóxica, fisioterapia, nutrición ou logopedia. Só no último ano, máis de 2.500 persoas beneficiáronse destes programas.
Grazas ao apoio institucional e á colaboración activa do Goberno de Inés Rey, a cidade segue consolidando un modelo de participación social no que a solidariedade se converte nunha ferramenta transformadora.
A edición deste ano conta co apoio de numerosas entidades patrocinadoras e colaboradoras, entre elas o Concello da Coruña, Vegalsa-Eroski, Fundación San Rafael, El Corte Inglés, Tranvías da Coruña, Gadis, Club del Mar de San Amaro, Protección Civil, a Fundación RC Deportivo ou o Leyma Básquet Coruña, entre moitas outras.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.