
A programación desta edición reuniu a grandes nomes da escena internacional e contou cunha destacada resposta do público
O Festival RESIS de música contemporánea, apoiado polo Concello da Coruña, pechou este 31 de maio a súa oitava edición, consolidando o seu papel como unha das citas imprescindibles da creación sonora actual. Cun programa que homenaxeou aos compositores Wolfgang Rihm e Helmut Lachenmann, RESIS 2025 reuniu ao longo de varias semanas nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela e Madrid a artistas e formacións de prestixio internacional, así como a un público fiel que volveu esgotar as entradas dos concertos. “Desde o Goberno de Inés Rey estamos moi satisfeitos coa aposta decidida que fixemos por este festival, que eleva a cotas moi altas a calidade da nosa programación cultural á vez que crea sinerxías coas agrupacións musicais da cidade e distintos espazos singulares”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Nesta ocasión, o festival contou coa participación de artistas e formacións de referencia como Quatuor Diotima, Arxis Ensemble, Quartet Gerhard, Evo Ensemble, a Orquestra e Coro da Sinfónica de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia ou a Banda Municipal da Coruña. Tamén estiveron presentes directores como Armando Merino, Fabián Panisello, Jordi Francés, Daniel Huertas ou Javier Fajardo; solistas como Virginia Guidi, Florian Hoelscher ou Florentin Ginot, así como o creador de metasistemas Rubén Panete e artistas como Raquel Buj.
Un dos fitos máis destacados desta edición foi a selección do Festival RESIS como proxecto artístico destacado pola prestixiosa Fundación Ernst von Siemens. “Este recoñecemento internacional supón un impulso fundamental ao noso traballo, e reafirma a nosa aposta por un festival que, desde Galicia, conecta coa vangarda musical a nivel mundial”, destaca Hugo Gómez-Chao, director do RESIS.
Novo éxito de público e crítica
Esta edición de RESIS volveu suscitar o interese da crítica especializada, con máis de 70 referencias publicadas en medios de comunicación, confirmando o prestixio do festival a nivel internacional. Ademais, máis de 3.000 persoas desfrutaron dos concertos desta oitava edición, que volveu atraer a un público fiel e ávido de novas propostas musicais. Expansión do festival: de A Coruña a Santiago de Compostela e Madrid
Por segundo ano consecutivo, o festival tivo presenza en Madrid, no Círculo de Bellas Artes, converténdose nunha cita ineludible para os amantes da música contemporánea na capital e xerando unha gran expectación.
As institucións culturais de Madrid e Galicia seguen apostando por programar RESIS nas súas axendas, visto o éxito de público e a calidade do festival.
Unha das grandes novidades desta edición foi a súa expansión a Santiago de Compostela, onde RESIS se trasladou por primeira vez, conquistando ao público compostelán con dúas citas de gran nivel no Auditorio de Galicia e na Igrexa de San Domingos de Bonaval.
Ademais, RESIS 2025 tamén destacou pola súa vertente formativa, coa participación de máis de 18 intérpretes nas Residencias Artísticas da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, promovendo a experimentación e a colaboración entre artistas emerxentes e consolidando o seu papel como plataforma de innovación na música contemporánea.
O concerto de clausura tivo lugar o 31 de maio ás 20:00 horas no Museo A Domus da Coruña, con Obstinate, unha actuación de Florentin Ginot, pechando así semanas de programación intensa e diversa. O equipo organizador destaca, un ano máis, a excelente resposta do público, que volveu esgotar as entradas de numerosos concertos, reafirmando a existencia dun público fiel á música contemporánea na cidade da Coruña.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.