Friday 06 de June de 2025

A Xunta pon en valor a figura de Isaac Díaz Pardo cun percorrido pola súa polifacética traxectoria


— A exposición ‘A barca de Caronte. A travesía vital de Isaac Díaz Pardo’ afonda na súa obra desde a etapa pictórica e plástica ata a de deseñador industrial

— López Campos destaca que se trata “dunha grande oportunidade para visualizar todo o seu mundo creativo nun mesmo espazo”

— Ademais, lembra o compromiso do Goberno galego “coa divulgación do legado dos persoeiros destacados da nosa cultura a través dos nosos espazos museísticos”

— As máis de 150 pezas procedentes da colección familiar, do propio museo coruñés e doutras entidades e institucións abranguen óleos, debuxos, cerámicas e mobiliario

— A proposta abrirá as súas portas o vindeiro 19 de xuño e poderá visitarse ata o 14 de decembro

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presentou hoxe nunha rolda de prensa no Museo de Belas Artes da Coruña a mostra A barca de Caronte. A travesía vital de Isaac Díaz Pardo, unha exposición que abrirá as súas portas o día 19 deste mes e coa que a Xunta “se suma a través dos seus espazos culturais á homenaxe ao ilustre persoeiro neste ano no que se lle dedicou o Día das Artes Galegas como o destacado creador que foi nos séculos XX e XXI”, apuntou.

Así, o representante do Goberno galego fixo fincapé neste “particular percorrido pola traxectoria dun artista polifacético, poñendo en valor todas esas facetas, desde a etapa pictórica á de deseñador industrial, pasando pola transición plástica”, puntualizando que “é unha grande oportunidade de visualizar todo o seu mundo creativo nun mesmo espazo”. Neste senso destacou o compromiso e a responsabilidade coa “continua dilvulgación do legado das figuras máis destacadas da nosa cultura, como é neste caso Díaz Pardo, dos que nunca deixamos de aprender sobre a nosa arte, a nosa identidade e a nosa historia”.

Ademais, López Campos destacou que “este é o principal proxecto expositivo do Museo de Belas Artes este ano, “xurdido da colaboración institucional e coa colaboración da propia familia Díaz Pardo, de cuxa colección proveñen a meirande parte das obras”. Deste xeito, lembrou, ademais da colección particular da familia e das aportacións dos prestadores privados e institucionais como o Concello da Coruña, o Museo de Pontevedra, a Colección de Arte Abanca, a Fundación Luís Seoane, a Fundación María José Jove e Real Academia Galega, a mostra inclúe obras que forman parte da colección permanente do Museo de Belas Artes como Xentes que ollan, un óleo de 1963, un Nu dos anos corenta, ou o Discurso (c. 1947-1948).

Tal e como explicou durante a presentación, a exposición, comisariada polo fillo de Díaz Pardo, Xosé Díaz Arias, en colaboración co equipo técnico do museo coruñés, reúne preto de 150 pezas, principalmente do autor homenaxeado, ás que se lle unen outras de artistas como o seu pai Camilo Díaz Baliño ou de Luís Seoane, Torrallardona, Torres Agüero, Laxeiro ou Geno Díaz. Entre elas atópanse pinturas ao óleo, debuxos e obra gráfica, xunto cunha variada selección de cerámicas e de mobiliario deseñado polo artista.

Desde a pintura ao deseño

O título da mostra, que poderá visitarse no Museo de Belas Artes ata o 14 de decembro, xorde das dúas grandes obras que Isaac realizou en distintas épocas sobre o relato mitolóxico da nave do barqueiro do inframundo. O tema, que insinúa a viaxe do pobo galego cara ao seu destino, evoca aquí o propio percorrido creativo do artista. Así, a exposición artéllase en cinco seccións coas que se pretende amosar esa traxectoria, desde os seus inicios pictóricos e a transición da pintura á cerámica, pasando polos seus grandes proxectos como Cerámicas do Castro, o seu labor no Laboratorio de Formas xunto con con Luís Seoane ou o seu papel nos deseños de Sargadelos.

A exposición completarase con actividades paralelas cun ciclo temático de conferencias, un curso a cargo do profesor e crítico Alberto Cartón e visitas guiadas para centros escolares, asociacións culturais e público en xeral. Unha programación destinada a difundir máis en profundidade o legado de Isaac Díaz Pardo.

Deja un comentario