
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, reuniuse co conselleiro de Cultura, José López Campos, para avanzar no modelo de conservación das pinturas
O Concello da Coruña e a Xunta de Galicia acordaron este mércores 4 de xuño que os murais de Urbano Lugrís que se atopan no baixo dos número 25 e 27 da rúa Olmos permanezan no seu emprazamento actual coa intención da apertura dun lugar que poña en valor a obra do artista. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou esta mañá na primeira reunión da mesa de diálogo aberta coa Xunta de Galicia, que estivo representada polo concelleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, para analizar o informe técnico de avaliación das pinturas e afondar nas diferentes alternativas para a súa conservación. A este encontro tamén estaba convocada a área de Cultura da Deputación, que non asistiu.
“Desde o Goberno de Inés Rey temos claro que os murais de Lugrís son un ben cultural de primeira orde para a cidade e, polo tanto, avogamos por un acordo entre as distintas administracións para a súa preservación e apertura á cidadanía”, sinalou Gonzalo Castro.
Esta reunión dá cumplimento ao acordo aprobado por unanimidade polo pleno do Concello da Coruña e do Parlamento de Galicia que instaba ás administracións implicadas a iniciar un diálogo para a recuperación dos murais. Nesta primeira xuntanza da mesa de diálogo chegouse á conclusión de que os murais permanezan no espazo actual ante o alto custe e risco que suporía un traslado destas 12 pinturas a outras dependencias.
Castro amosou á Xunta a predisposición do Concello para xestionar este espazo e crear unha nova dependencia cultural aberta á cidadanía para poñer en valor o legado de Urbano Lugrís.
Os murais foron declarados no ano 2024 como Ben de Interese Cultural logo dos informes municipais e autonómicos que así o requirían e co obxectivo de outorgarlle a máxima protección para a súa conservación e posta en valor. Estas pinturas son, na actualidade, propiedade da Xunta de Galicia, mentres que os baixos nos que se atopan pertencen a un particular.
Tanto o Concello como a Xunta emprazáronse a unha nova reunión para estudar os seguintes pasos a dar para proceder á restauración das pinturas e a apertura deste local da rúa Olmos.
Nese futuro encontro, ambas as partes manifestaron a súa vontade de que a área de Cultura da Deputación poida estar presente.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.