Friday 06 de June de 2025

O exitoso espectáculo Slava’s Snowshow chegará en decembro con sete funcións ao Teatro Colón


As entradas para o show de Slaba Polunin xa están á venda a través do despacho de billetes da praza de Ourense e de Ataquilla

O Teatro Colón acollerá do 10 ao 14 de decembro sete funcións do espectáculo Slava’s Snowshow, do célebre maestro do clown Slava Polunin. Será a primeira parada dentro da súa xira polos mellores teatros do país e a súa única escala en Galicia. “Desde o Goberno de Inés Rey seguimos apostando por unha programación cultural de máxima calidade, traendo á Coruña en exclusiva espectáculos coma este”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

A xira supón unha oportunidade única para descubrir unha montaxe que cativou ao público de todo o mundo en numerosas ocasións desde 1993. Slava’s Snowshow fusiona circo, clown, alegría e beleza no que supón un fascinante ‘caos organizado’ que convida o espectador a desconectar da realidade, celebrar a vida dun modo disparatado e mergullarse nun estado de ‘feliz estupidez’.

Este clásico atemporal cheo de poesía é obra do gran Slava Polunin, probablemente o clown en activo de maior prestixio internacional, creador de varios números do espectáculo Alegría do Cirque du Soleil. Slava’s snowshow leva máis de 30 anos virando debido á fascinación que esperta entre o público, que adoita repetir para velo con familia ou amigos. Suma máis de 12.000 representacións e deixou a máis de 10 millóns de espectadores asombrados grazas á súa extraordinaria beleza visual. O seu éxito provocou que esgote entradas en máisde dez xiras internacionais en Norte América, Francia, Reino Unido, Italia, México, Alemaña,  Austria, Australia, Nova Zelandia ou en España, onde xa foi visto por máis de 90.000 espectadores. Recibiu, ademais, algúns dos galardóns máis importantes do teatro como o “Laurence Olivier Award” de Reino Unido ou o “Triumph Award” de Rusia.

A produción é un xénero en si mesmo que, xira tras xira, permanece igual de espontáneo e máxico que o primeiro día. Slava’s Snowshow reinstaurou a arte do clown, seducindo de novo a aqueles que o descartaban como unha forma anticuada de circo. O espectáculo é unha caravana de xolda e encanto que roda polo mundo ofrecendo a público de diferentes idades, xéneros, crenzas ou culturas a posibilidade de deixar as súas vidas cotiás nas portas do teatro para mergullarse nun universo completamente diferente que, durante hora e media, faralles vivir unha singular experiencia con momentos de profunda nostalxia, alegría desmesurada ou mesmo gran incerteza e tensión.

As entradas para ver Slava’s Snowshow na Coruña xa están á venda a través do despacho de billetes da praza de Ourense e en Ataquilla.

Sobre Slava Polunin

Nado en 1950 na pequena cidade rusa de Novosil, Slava Polunin é unha lenda viva do clown.
Recoñecido e querido no seu país desde os anos 70 ao fundar o teatro de clowns de Licedei, converteuse nunha icona cultural profundamente respectada en todo o mundo. Pioneiro incansable na creación de producións teatrais e de rúa, Polunin foi o artífice de multitude de festivais internacionais, combinando decenas de compañías e experimentando con películas, libros, xardíns e todo tipo de proxectos. O seu teatro caracterízase por alimentar as fábricas de soños e contos de fadas.

Desenvolveu e dominou con mestría a arte metafísica, profundando na traxicomedia para facer entender en que medida o drama pode ser combinado coa risa. Cautiva a un público moderno afeito a ritmos aloucados, nun caleidoscopio inesgotable de cores, sons, espazos e tempos.

Moitos se refiren a Slava como “o mellor clown do mundo”. Con todo, o seu maior orgullo é presidir a Academy of Fools. Creada por el mesmo en 1990, o seu propósito é “proporcionar á xente que sabe como divertirse na vida, un modo de ser feliz. É unha importante institución que se opón á vaidade e exceso de seriedade do mundo. A súa finalidade é que a xente non perda a habilidade de sorrir ao cheirar unha flor, tombarse na herba ou mirar ao ceo… esta academia serve para asegurarnos de que todo isto non desapareza da vida”.

Ademais de expandir a arte do absurdo de modo lúdico e de conquistar a millóns de espectadores, a súa incesante imaxinación tamén deu forma á Moulin Jaune, unha casa de conto na que Slava experimenta dando renda solta á súa intensa creatividade e particular realidade. Neste espazo, próximo a París, ten lugar un dialogo entre a arte e a natureza, sendo o xerme dunha infinidade de proxectos.

Deja un comentario