Friday 06 de June de 2025

Neda impulsa un encontro para tecer en público e reivindica as bondades deste hobby para a saúde


A cita terá lugar o 14 de xuño, xunto á Casa das palmeiras

O Concello de Neda súmase o sábado 14 de xuño ao Día mundial de tecer en público. E faino cunha quedada, na contorna da Casa das palmeiras, para promover esta actividade que, segundo os estudos científicos, mellora a capacidade de concentración e contribúe ao benestar emocional e psicolóxico da poboación.

A administración local converterá ese céntrico espazo urbano en punto de encontro para tecedoras e tecedores, así como para outros amantes da arte téxtil. Gancho, calceta… O obxectivo é reivindicar a actividade de tecer como práctica social, relaxante e enriquecedora, con beneficios no campo da saúde mental e física.

O encontro, que se desenvolverá entre as 16 e as 20 horas, busca ademais sacar esta afección á rúa, subliñando o seu poder para crear vínculos sociais, e contribuíndo, na medida do posible, a derrubar estereotipos de idade e de xénero.

Apuntan dende a área de Sanidade que tecer non só estimula a memoria e a actividade mental (interpretación de patróns, conteo de puntos…) senón que ademais mellora a coordinación motora e a destreza manual, reduce o estrés, e incrementa a autoestima.
Dende o Concello convídase á veciñanza, así como a persoas doutras localidades que teñan este hobby a participar nesta primeira celebración en Neda. Dende hai tempo, o municipio conta con distintas asociacións e entidades que organizan ao longo de todo o ano actividades de costura, calceta ou crochet.

Deja un comentario