
— López Campos eríxea como a opción máis óptima para garantir a mellor conservación do conxunto mural localizado nos números 25 e 27 da rúa Olmos
— Traslada no encontro o informe de avaliación feito por técnicos de Patrimonio no que se reflicte o alto coste do traslado, á vez que advirte do risco para algunha das 12 pinturas
— As pezas foron adquiridas o pasado ano polo Goberno galego tras exercer o seu dereito de tanteo e co obxectivo de poñelos a disposición da cidadanía
A Xunta de Galicia abordou hoxe co Concello da Coruña a posibilidade de crear o espazo Lugrís nos números 25 e 27 da rúa Olmos para manter o complexo mural no lugar onde foi creado. Así llo trasladou neste encontro, ao que tamén estaba convocada a Deputación da Coruña, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, quen considerou esta opción a máis óptima para garantir a mellor conservación do conxunto, á vez que resulta a menos custosa.
Nesta reunión na Coruña, que dá cumprimento ao acordo aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o pasado mes de abril que instaba ao Goberno galego a iniciar un proceso de diálogo coas administracións implicadas, o conselleiro deu conta do informe elaborado polos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural durante estes meses para avaliar o estado do complexo mural.
Ao respecto, López Campos explicou que nesta análise pormenorizada recadáronse tanto as actuacións e custos que implicarían o traslado do conxunto mural fóra deste edificio, como aquelas necesarias no caso de que se optase pola restauración das 12 pinturas no mesmo local, coa idea de que queden no espazo para onde foron creados.
Neste senso, o titular de Cultura da Xunta advertiu do alto risco para a conservación do conxunto mural que se reflicte no informe técnico sobre o traslado das obras, xa que se trata dun procedemento moi complexo ao tratarse dun proxecto decorativo vencellado desde a súa orixe a este espazo arquitectónico. Así mesmo, esta opción suporía un importante investimento que se elevaría ata os máis de 1,2M€. Polo tanto, a avaliación realizada recolle que algunhas pezas non son viable extraelas sen o seu soporte mural, sen cortar a pintura ou sen ampliar ocos da fachada. Consecuentemente, puxo o foco no feito de que ademais de encarecer altamente o investimento, tamén pode supor risco para os murais.
Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia adquiriu estes murais tras presentar no Xulgado Mercantil número 3 da Coruña a resolución para exercer o dereito de tanteo. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude exerceu así o seu dereito de adquisición preferente, recollido na Lei de Patrimonio Cultural para aqueles bens que contan co máximo nivel de protección, igualando a oferta de 36.000€ feita por un particular.
Con esta adquisición, o obxectivo da Administración autonómica era protexer e restaurar o conxunto mural para poñelo a disposición da cidadanía, tendo en conta o interese común por manter as obras na cidade, a importancia de que non se disgreguen e se manteñan xuntas no futuro, así como a posibilidade de que sexan públicas, garantindo o acceso á cidadanía en calquera situación.
Declaración Ben de Interese Cultural
O Diario Oficial de Galicia publicou en marzo de 2024 a incoación para declarar Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de monumento, os murais de Urbano Lugrís da rúa Olmos da Coruña. O Goberno galego iniciou así o procedemento para outorgarlle a máxima protección patrimonial ao conxunto mural feito polo pintor coruñés logo de recibir os informes realizados polos técnicos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e do Concello da Coruña.
Á hora de incoar o expediente, o que supón xa a protección inmediata do ben, os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural valoraron que as obras que compoñen o conxunto mural merecen formar parte do patrimonio cultural máis significativo de Galicia pola súa calidade e contexto artístico e para garantir a súa conservación e proxección cara ás futuras xeracións.
Así mesmo, o expediente inclúe tamén a calidade e complexidade destas obras que contan cun carácter excepcional dentro de toda a produción artística de Urbano Lugrís ao no conservarse ningún conxunto desta natureza que sexa testemuño do nivel que chegou a adquirir o artista no ámbito da composición e da creatividade na decoración de interiores.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.