Friday 06 de June de 2025

O Xeoparque Cabo Ortegal pecha cun encontro institucional a súa IX Semana dos Xeoparques Europeos


A cita, celebrada en Cerdido, contou coa participación de representantes dos sete concellos que integran o Xeoparque, así como do vicepresidente da Deputación da Coruña, diversas empresas e entidades implicadas nas actividades, e a asistencia técnica da Asociación

As actividades desenvolvidas durante a semana acadaron os 650 participantes e un alto grao de satisfacción entre o público asistente

O Xeoparque Mundial Cabo Ortegal puxo este mércores o ramo á súa IX Semana dos Xeoparques Europeos cun encontro de avaliación celebrado no Concello de Cerdido, actual sede da presidencia da Asociación para a Xestión do Xeoparque. Na reunión participaron representantes dos sete municipios que forman parte do territorio -Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño-, ademais do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.

O alcalde de Cerdido e presidente da Asociación, Alberto Javier Rey Paz, foi o encargado de dar a benvida institucional ao encontro. Na súa intervención, destacou a importancia da implicación do tecido empresarial e agradeceu a colaboración de todas as empresas que participaron activamente na IX Semana dos Xeoparques Europeos.

Pola súa banda, o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, salientou o firme compromiso da Deputación da Coruña co Xeoparque Cabo Ortegal, destacando o esforzo continuo da institución en apoiar iniciativas que unen territorio, sustentabilidade e desenvolvemento local. Subliñou tamén a complicidade xerada entre as empresas participantes e a importancia de seguir fortalecendo os lazos co tecido empresarial da zona, agradecendo a súa implicación tanto nas xornadas como na dinamización do Xeoparque como proxecto de futuro.
“É fundamental mirar a medio e longo prazo”, apuntou, incidindo na potencialidade da xeoloxía como motor económico e diferenciador. Ademais, puxo en valor que Xeoparque enmárcase nun conxunto de plans estratéxicos que Deputación está a impulsar na comarca -como o das baterías de costa, as Fragas do Eume ou o surf-, o que, segundo indicou, demostra que “temos un montón de posibilidades”. Regueira animou a seguir traballando para xerar emprego, fixar poboación e evitar que a xente moza se vexa na obriga de marchar, desenvolvendo unha economía sostible e conectada co territorio.

Avaliación de resultados

Durante o encontro, a Asociación presentou os principais resultados desta edición da Semana dos Xeoparques Europeos, que tivo como obxectivos principais visibilizar o Xeoparque e o seu patrimonio, implicar o tecido socioeconómico local, fomentar a educación e o coñecemento do territorio, reforzar a colaboración entre entidades, xerar experiencias turísticas de calidade e avaliar e innovar cara ao futuro.

A IX Semana dos Xeoparques Europeos contou no Xeoparque Cabo Ortegal cun total de 650 participantes, repartidos en máis de trinta actividades, con propostas para todos os públicos. Os datos recollidos nas enquisas de satisfacción poñen de manifesto o alto grao de satisfacción da cidadanía, valorando especialmente a calidade das actividades, a atención das persoas guías e a beleza e singularidade dos espazos visitados.

No encontro tamén se fixo un recoñecemento público ao traballo e implicación das empresas e entidades participantes, moitas das cales estiveron presentes na reunión: Rutas Cedeira, Castelo de Moeche, Granxa do Souto, Portal Norte, Francisco Canosa, DisfRutas Ortegal, Océano Surf Museo, Orixen Action, Eu fun de Vivo, Cabalino do Lago, MarDOrtegal e o Museo Mares de Cedeira.
Novas accións no marco do proxecto

A presentación institucional incluíu tamén un adianto das próximas accións que se impulsarán ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) do Xeoparque Cabo Ortegal, entre as que se atopan:
• A elaboración dunha Guía da Paisaxe do Xeoparque.
• A creación e promoción de experiencias turísticas baseadas na identidade do territorio.
• desenvolvemento dun plan de difusión e uso da marca Cabo Ortegal.
• Un programa escolar de investigación sobre o cambio climático no Xeoparque.
• A posta en marcha dunha central de reservas para servizos turísticos.
• deseño dunha app para a xestión e promoción do Camiño a Santo André de Teixido.
• A creación dun programa estable de xeoturismo e formación especializada.
• A posta en marcha dunha rede de centros de interpretación.
• E un plan de mellora e acreditación para pequenas empresas turísticas.

Colaboración da Deputación da Coruña

Desde a Asociación para a Xestión do Xeoparque destacouse tamén que esta programación foi posible grazas á colaboración da Deputación da Coruña, que apoia o proxecto desde os seus inicios. A Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal -formada polos sete concellos que integran o territorio- liderou un proceso de candidatura que se iniciou en 2018 e culminou con éxito en 2023, despois dunha exhaustiva avaliación internacional por parte da UNESCO.

O Xeoparque Mundial Cabo Ortegal consolídase así como un referente na divulgación científica, conservación da natureza e desenvolvemento sostible, celebrando o seu segundo aniversario como membro oficial da Rede Mundial de Xeoparques cunha intensa semana de actividades abertas á cidadanía.

Deja un comentario