
• Atenderá e orientará aos visitantes que cheguen ao municipio.
• O obxectivo é mellorar a atención turística e promocionar os principais atractivos da zona.
O Concello de Cariño reactivou a súa Oficina de Turismo co obxectivo de dar un impulso ao sector e ofrecer unha atención máis completa e personalizada ás persoas que cheguen ao municipio na tempada de verán.
O servizo, que se pon en funcionamento cada ano, consta dun punto de atención situado na Casa do Concello, onde unha traballadora atenderá de forma presencial aos visitantes que requiran orientación ou información sobre os principais atractivos turísticos da zona. Así, poñerase en valor Cariño e a súa contorna como un lugar singular e único, zona cero do Xeoparque Cabo Ortegal, distinguido pola UNESCO hai dous anos.
O horario de atención ao público será de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 20:00 horas, mentres que os sábados estará aberto só en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas. A iniciativa atópase xa en funcionamento de fronte ao comezo da tempada estival.
Con este servizo, xestionado a través dunha empresa especializada, búscase facilitar o acceso á información turística tanto a visitantes como a residentes interesados en descubrir máis sobre a riqueza patrimonial, natural e cultural do concello cariñés.
A alcaldesa do municipio, Ana María López, comenta que “o obxectivo final deste servizo é o de dar resposta ás necesidades de quen nos visita e, ao mesmo tempo, dar a coñecer todo o que Cariño pode ofrecer”. Nesta liña, a rexedora subliña que “axudará a fortalecer a imaxe do concello como un destino atractivo dentro da nosa comarca, contribuíndo con iso ao desenvolvemento económico e social de Cariño”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.