
— Román Rodríguez presenta unha oferta “para dar resposta aos intereses da cidadanía así como á demanda de profesionais” con 49.164 prazas de novo ingreso
— O período de solicitude de prazas estará aberto do 16 de xuño ao 2 de xullo e axilízanse os tres procesos de adxudicación, que se concentrarán agora no mes de xullo
— Medra a oferta en todas as áreas territoriais, con especial fincapé en zonas do rural como as áreas Lemos-Chantada-Quiroga, o Salnés ou a Mariña Luguesa
— A área de Vigo supera por primeira vez as 11.000 prazas de novo ingreso
— Aumentan as prazas en 20 das 25 familias profesionais que se poden cursar en Galicia, e destaca a de Seguridade e Medio Ambiente, que se incrementa nun 111%
— As familias de Administración e xestión e Informática e telecomunicacións son as que concentran o maior número de prazas de novo ingreso
— Créase a FP Básica para adultos que procurará a reinserción de persoas sen título a través de dous ciclos: Mantemento de vehículos e Servizos administrativos
— Impúlsase a FP Básica Adaptada con itinerarios personalizados para colectivos vulnerables, cunha experiencia piloto de Comercio en Vigo
A Xunta amplía a oferta de Formación Profesional para o vindeiro curso en Galicia en todas as áreas territoriais, que volve medrar ata acadar un novo máximo histórico de 49.164 prazas de novo ingreso, 2.450 máis que o curso actual. Así o destacou hoxe en Pontevedra o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, que detallou a oferta por zonas e familias profesionais.
Nunha rolda de prensa na que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, o titular de Educación do Goberno galego presentou no Centro Integrado de FP Carlos Oroza a oferta formativa para o vindeiro curso, onde se poderá escoller entre un total de 251 titulacións diferentes, 40 delas de nova implantación.
Román Rodríguez subliñou que se trata dunha oferta “pensada para dar resposta aos intereses e inquietudes do alumnado” e, ao mesmo tempo, atender as demandas do tecido socioeconómico galego “no actual contexto de necesidade de dispoñer de profesionais cualificados” para impulsar o seu crecemento e garantir o relevo xeracional.
Distribución territorial
No que atinxe á distribución territorial, a Xunta, un ano máis, reforza as prazas en todas as áreas, cun peso específico nas cidades e áreas metropolitanas, pero “sen desatender o rural”, explicou o conselleiro. Neste senso, a área de Vigo aglutina o 22,45% da oferta de toda Galicia, e supera por primeira vez na historia as 11.000 prazas de nova oferta. No caso da Coruña, con 9.898 prazas, concentra o 20% do total.
No eido rural, o vindeiro curso ofértanse un total de 8.230 prazas, 599 máis que no presente curso. Aquí cómpre destacar o crecemento da área de Lemos-Chantada-Quiroga con 1.098 prazas (un 14,26% máis), o Salnés con 1.699 prazas (un 11,26% máis) ou a Mariña luguesa con 1.774 prazas de nova oferta (case un 9% máis).
Familias profesionais
En canto ás familias profesionais, a Xunta amplía prazas en 20 das 25 existentes. O incremento máis significativo prodúcese na familia de Seguridade e Medio Ambiente, que medra case un 111% ao pasar das 256 actuais ás 540 o vindeiro curso.
Tamén destacan en crecemento as familias de Transporte e mantemento de vehículos, Química, Téxtil, confección e pel e Comercio e Márketing. Se atendemos ás cifras absolutas, as familias con máis prazas son Administración e xestión (6.058 de novo ingreso) e Informática e telecomunicacións (5.702).
Non obstante, ademais dos datos cuantitativos, Román Rodríguez fixo fincapé no “avance cualitativo” da oferta na aposta pola “alta cualificación e tecnificación” para consolidar “o noso modelo de FP galega de calidade, prestixio e confianza”.
Así pois, de cara ao vindeiro ano póñense en marcha vías formativas novidosas e pioneiras de Galicia coa finalidade de “ofrecer máis oportunidades ás persoas”, recalcou o titular do departamento de Educación da Xunta, como é o caso das formacións aceleradas, a FP Básica Adaptada e a FP Básica para adultos.
Formacións aceleradas
As formacións aceleradas son unha nova vía formativa pioneira de Galicia e inédita a nivel estatal que consiste nunha formación rápida, concentrada nun período de entre catro e seis meses de duración, e que ten por obxecto mellorar a cualificación das persoas e abrirlles as portas ao mercado laboral en sectores que precisan profesionais para traballar. As persoas que opten por esta vía obterán, alo menos, un certificado profesional e, ademais, esa formación poderase convalidar para a obtención dun futuro título.
En total, ofértanse por primeira vez este curso un total de 18 formacións aceleradas que suman 968 prazas organizadas en 44 grupos distribuídos por distintos puntos da xeografía galega como A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontedeume, Pontevedra, Ribadeo, Ribeira, Santiago, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilamarín.
En canto aos sectores, céntranse especialmente na hostalaría, a automoción, as enerxías renovables ou a carpintaría metálica, entre outros.
Recuperar a persoas que abandonaron os estudos
Así mesmo, no marco do Plan FPGal360 de orientación profesional, a oferta do vindeiro curso pon especial énfase naquelas persoas, sobre todo a poboación masculina, onde se concentra o maior abandono temperá, que deixaron os estudos no seu momento e que hoxe desexan ou precisan reforzar a súa formación e cualificarse.
Con este obxectivo, increméntanse a oferta de FP Básica como elemento clave para a incorporación da pobación a itinerarios formativos. Para iso habilítanse seis novos ciclos: Actividades de panadaría e pastelaría, Tapizaría e cortinaxe, Peiteado e estética, Reforma e mantemento de edificios, Industrias Alimentarias e Arranxos e reparación de artigos téxtiles e de pel.
Créase tamén FP Básica para adultos, cunha oferta deseñada especificamente para favorecer a capacitación profesional e a reinserción laboral de persoas adultas que non dispoñen de títulos por abandonaren o sistema educativo no seu momento. Neste eido ofértanse os ciclos de Mantemento de vehículos (que se impartirá no CIFP Ferrolterra) e Servizos Administrativos (na EPAPU Berbés de Vigo).
FP Básica Adaptada
Outra das vertentes enfocadas á calidade do sistema e asegurar a permanencia dos colectivos vulnerables no sistema educativo máis aló das etapas de ensino obrigatorio. Neste obxectivo enmárcase a posta en marcha da FP Básica Adaptada.
Así mesmo fomentaranse sinerxías entre o sistema educativo, tanto desde a Administración e desde os propios centros, e as distintas entidades de Educación Especial e atención á diversidade. “Con isto o que pretendemos é deseñar unha formación específica e un apoio personalizado e adaptado ás necesidades de cada un destes alumnos co fin de fomentar a súa inclusión laboral e social”, explicou o conselleiro.
Esta FP Básica Adaptada arrancará como experiencia piloto cun programa formativo en Comercio no Centro de Educación e Promoción de Adultos EPAPU Berbés de Vigo.
Prazos para solicitude de prazas
O prazo para solicitar praza nalgún dos 251 ciclos ofertados para o vindeiro curso abrirase o próximo día 16 deste mes de xuño e permanecerá aberto ata o 2 de xullo.
Ademais, co fin de axilizar ao máximo o proceso de admisión e matrícula, este ano por primeira vez os tres períodos de adxudicación de prazas concentraranse no mes de xullo (ata o de agora había unha adxudicación en setembro). Deste xeito, adiántase todo o proceso en beneficio do alumnado, que saberá con máis antelación onde é admitido, e dos centros, que poderán axilizar a súa organización.
A primeira adxudicación de prazas realizarase o 15 de xullo, a segunda o 22 de xullo e a terceira o 29 de xullo.
Logo destas tres adxudicacións, do 1 ao 26 de setembro seguirá aberta a adxudicación continua desde os propios centros educativos naqueles ciclos formativos onde queden prazas vacantes.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.