Thursday 05 de June de 2025

O plan previsto polo Concello para mellorar a accesibilidade na Agra do Orzán avanzará nas vindeiras semanas cara á rúa Manuel Deschamps


A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe a veciñanza do barrio do inminente inicio dos traballos, tras rematar as actuacións entre Peruleiro e a rúa Barcelona, cofinanciadas con fondos Next Generation

A alcaldesa, Inés Rey, supervisou hoxe as melloras de accesibilidade executadas polo Concello entre Peruleiro e a rúa Barcelona, intervencións cofinanciadas con fondos europeos Next Generation e que supuxeron un investimento de case 600.000 euros no barrio da Agra do Orzán.

Os traballos leváronse a cabo nas rúas Almirante Mourelle, Julia Minguillón, Fanny Garrido e un treito de Manuel Deschamps, espazos onde se apostou por modernizar as redes de saneamento, ampliar as beirarrúas e gañar espazos peonís en relación aos que había previamente, renovando os seus materiais, incluíndo pavimentos diferenciados para facilitar o paso das persoas con mobilidade ou visibilidade reducida.

Rey apuntou que estas actuacións no barrio “eran necesarias, especialmente pola súa configuración urbana, das máis compactas da cidade. A Agra do Orzán é un distrito denso, onde gañar superficies peonís e mellorar a súa accesibilidade é fundamental. É o que fixemos nesta zona do barrio, facilitando, por exemplo, o paso de persoas en cadeira de rodas ou os carriños das crianzas”.

No percorrido polas rúas do barrio, a rexedora estivo acompañada pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, que lembrou que tamén se renovaron as canalizacións de saneamento, “un aspecto que hai que ter moi en conta porque a rede da Agra é das máis antigas da cidade. Paso a paso, imos adaptándoa ás necesidades actuais”, precisou.

Os próximos pasos, en Manuel Deschamps

Hoxe, a alcaldesa avanzou que nos vindeiros días arrincarán os traballos de mellora previsto no treito de Manuel Deschamps que chega cara á rolda de Outeiro, dando así resposta ás peticións da veciñanza da Agra.

Este treito non estaba incluído nas obras Next, porque o proxecto que captou fondos europeos centrábase, moi especificamente, nas melloras de accesibilidade no circuíto de rúas entre Peruleiro e a rúa Barcelona.
“Aínda así, e dado que a nosa intención é transformar o barrio no seu conxunto, darémoslle agora prioridade a esta actuación no resto da rúa Manuel Deschamps, que suporá un investimento engadido de 260.000 euros”, concretou.

Máis dun millón de euros en investimentos na Agra

A próxima posta en marcha dos traballos na Agra do Orzán suporá, na práctica, que o Concello superará o millón de euros en investimentos no barrio, onde nos últimos meses se concretaron actuacións como as da mellora na accesibilidade entre Peruleiro e a rúa Barcelona, a humanización parcial da rúa Agra do Orzán e tamén as melloras de saneamento na rúa Ramón García Aller.

Deja un comentario