
O Pleno deu luz verde á aprobación definitiva da modificación do PXOM no ámbito das chamadas escolas de maxisterio de Xoán XXIII na sesión ordinaria correspondente ao mes de maio, que se adiou ao 3 de xuño por mor da festividade da Ascensión. Nesta mesma sesión, a Corporación aprobou dúas declaracións institucionais: para a habilitación do uso do galego no Parlamento Europeo e para rexeitar a creación doutro grao de medicina en Galicia.
Pleno
Por unanimidade, o Pleno acordou aprobar de forma definitiva a modificación do PXOM núm. 1 no ámbito da OE-6. Xoán XXIII – Universidade. O edificio que hoxe alberga o colexio López Ferreiro e as Facultades de Enfermaría e de Ciencias da Educación ocupa unha parcela de forma aproximadamente triangular situada na esquina entre a Avenida de Xoán XXIII e a rúa dos Xasmíns, cunha superficie aproximada da parcela de 8.798 m². O conxunto foi proxectado en 1967 por Fernando Moreno Barberá e constitúe un exemplo relevante da arquitectura docente do Movemento Moderno, polo que alberga “elementos dignos de protección”, en verbas do concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás.
O obxecto principal da modificación puntual que hoxe se aproba de forma definitiva é “protexer o valor arquitectónico e ambiental do edificio” e incorporalo ao Catálogo de bens culturais do PXOM. Con esa finalidade inclúese o edificio existente no Catálogo coa referencia A-69, e co nivel de protección estrutural. Na ficha de catalogación sinálanse os caracteres determinantes e as normas de protección específica, con indicación das actuacións permitidas, e delimítase o contorno de protección do inmoble catalogado. Para garantir a protección do edificio estimouse necesario preservar o uso dotacional existente. Así, mantense a cualificación do equipamento docente DOC-10 (colexio López Ferreiro), e cualifícase o resto da parcela como dotación pública do sistema xeral de equipamento comunitario (RE-OE.6). Na reserva de equipamento RE-OE.6 admítense os seguintes usos dotacionais, todos eles permitidos polo artigo 136 do PXOM no sistema de equipamentos públicos: docente-investigación, deportivo, sanitario e asistencial, socicultural, público-administrativo, así como “calquera outro uso dotacional” que reúna as condicións do citado artigo 136.
Declaracións institucionais
O Pleno tamén acordou por unanimidade a aprobación de dúas declaracións institucionais. En primeiro lugar, a que solicita a habilitación do uso do galego no Parlamento Europeo. A Unión Europea constitúe un espazo no que conviven 24 linguas oficiais, número que foi crecendo conforme se incrementaron os países membros. Sinala o texto da declaración que “a inclusión do galego nesta lista trasladaría ao ámbito europeo a realidade lingüística de España, permitiría que a lingua galega tivese presenza en institucións que representan a máis de 450 millóns de persoas e suporía un recoñecemento á súa plena vixencia nun mundo globalizado”. Representaría ademais, indica, “un avance na promoción da nosa identidade cultural e a porta aberta para que poidan levarse a cabo proxectos culturais en galego con fondos culturais europeos”.
A declaración lembra que ao longo do ano 2024 o Goberno de España solicitou ao Consello Europeo que o galego, o catalán e o vasco sexan recoñecidos como linguas oficiais da Unión Europea e ao Parlamento Europeo que se permite o uso da lingua galega, ademais do catalán, e o vasco na Eurocámara; así como que o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha Proposición Non de lei co fin de acadar o consenso para que a lingua galega sexa lingua oficial no Parlamento Europeo, “no que entendemos foi un exercicio de axuda a reconstruír o camiño do consenso respecto á lingua galega”.
Por todo isto, o Pleno acorda “apoiar o uso do galego no Parlamento Europeo, e instar os órganos con capacidade de decisión na materia á toma en consideración da habilitación do uso do galego no Parlamento Europeo” e “dar traslado aos grupos políticos representados no Parlamento Europeo deste posicionamento político en prol do uso do galego na Eurocámara”.
A segunda Declaracións Institucional amosa o rexeitamento da Corporación municipal “á proposta para a creación dun novo grao de Medicina no Sistema Universitario Galego, en contra do acordado e establecido no convenio que regula a colaboración na docencia clínica do grao de Medicina da USC, asinado no 2015”. Así mesmo, no acordo recóllese que a Corporación “insta á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a facilitar o diálogo entre as tres universidades públicas de Galicia co obxectivo de fornecer a súa colaboración, evitando a multiplicación do grao de Medicina e procurando, no seu caso, unha actualización dos termos do convenio asinado hai unha década, a partir do consenso de toda a comunidade universitaria”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.