
· A concelleira de Promoción Económica, Amparo Cerecedo, apunta que a instalación é “un espazo xa consolidado, cunha clientela fiel e cunha rede de praceiros e praceiras con gran experiencia”.
O Mercado Municipal da Pobra do Caramiñal conta, na actualidade, con só catro puntos de venda dispoñibles. Porén, este número podería cambiar proximamente despois de que o Concello sacase a licitación o uso privativo, por concesión demanial, do posto número 10. Trátase, tal e como explica a concelleira de Promoción Económica, Amparo Cerecedo, dunha “oportunidade única” para que unha nova empresa ou emprendedor se asente “nun espazo xa consolidado, cunha clientela fiel e cunha rede de praceiros e praceiras con gran experiencia”.
Tal e como se expón no prego de prescricións técnicas, o posto 10 atópase en perfecto estado, dispoñendo de todos os equipos necesarios para acoller un novo punto de venda de alimentación ao por menor: lavadoiro, expositor e zona de neveiras, mostrador e tomas de auga e luz. Este stand ten unha superficie poligonal de 21,30 metros cadrados.
En canto á duración, a concesión sería de dous anos, cun orzamento de base de licitación de 3.174,56 euros. Con todo, contémplase a posibilidade de fixar unha prórroga de 10 anos que estará condicionada á renovación ou á formalización dunha nova concesión entre o Concello e Portos de Galicia.
Xornada de portas abertas
Precisamente, o Concello organizou, o pasado sábado, unha xornada de portas abertas xunto ao Coworking para promover o papel do Mercado Municipal como un “motor” para o emprendemento. A acción levouse a cabo como parte da campaña Quere ao teu mercado da Dirección Xeral de Comercio e en colaboración coa Rede Provincial de Coworkings.
A iniciativa suscitou un grande interese, atraendo a múltiples participantes que puideron realizar un percorrido polos postos dispoñibles na dependencia e, ademais, coñecer os servizos de apoio e asesoramento do Coworking.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.