
Haberá un percorrido polo paseo marítimo, unha exposición no Parrote e unha charla para escolares sobre seguridade viaria
O Concello da Coruña recupera, despois de tres lustros, o Día da Bicicleta, unha iniciativa que organiza xunto a Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (Agaxorde) con obxectivo de promover o uso de este medio de transporte entre a cidadanía e inculcar nas persoas participantes nocións sobre seguridade viaria. Ademais, tamén se busca con esta iniciativa asociar a imaxe da cidade como destino turístico sostible.
“Desde o Goberno de Inés quixemos dar un novo impulso ás nosas políticas de mobilidade sostible recuperando unha actividade que é clave para que tanto nenos como maiores utilicen cada vez máis un medio de transporte sostible e que garante hábitos de vida saudables”, sinalou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. Desde o 16 ao 22 deste mes, desenvolverase na cidade esta iniciativa municipal, que ten como actividades máis destacadas unha exposición sobre a historia do ciclismo coruñés (prolongarase ata o día 29) no paseo do Parrote, con fotografías desde finais do século XIX, e a recuperación do Día da Bicicleta, despois de tres lustros.
Este último evento terá lugar o domingo 22, a participación será de carácter gratuíto baixo obrigatoria inscrición e terá como punto de saída e chegada o paseo do Parrote a partir das 10.30 horas. As persoas participantes realizarán un percorrido de 12 quilómetros a través do paseo marítimo, un dos espazos máis icónicos e atractivos da cidade. Pasarán por diante da Torre de Hércules e circularán ata a contorna da cidade deportiva de Riazor.
As inscricións abríronse o pasado venres 30 de maio e xa hai máis de 200 persoas que confirmaron a súa participación. As primeiras 600 inscricións terán un agasallo. Os e as visitantes que se acheguen ata A Coruña o 22 e queiran participar na xornada familiar e sostible que supón o Día da Bicicleta poderán utilizar, de forma gratuíta, bicicleta do servizo municipal de BiciCoruña e, ademais, recibirán unha mochila cunha serie de agasallos.
O período de inscrición pecharase o venres 20 de xuño ás 14.00 horas. A recollida de credenciais e mochilas para as persoas inscritas levarase a cabo no Centro Comercial Cuatro Caminos o venres 20 de xuño, de 17.00 a 20.00 horas, e o sábado 21 de xuño, de 10.00 a 20.00 horas.
Por outra banda, o luns 16 celebrarase no auditorio do Centro Sociocultural Ágora unha charla sobre educación viaria e uso da bicicleta e do resto de VMP nas cidades. Esta actividade estará dirixida a centros educativos e comezará ás 11.00 horas.
O Día da Bicicleta ten carácter solidario e permitirá a recollida de bicicletas, que serán restauradas e, posteriormente, entregadas a familias en situación de vulnerabilidade, xunto con material deportivo, fomentando así a inclusión e o acceso ao deporte de todas as persoas.
As persoas interesadas poden inscribirse a través da seguinte ligazón.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.