Friday 06 de June de 2025

A sala municipal de exposicións de Brión acolle este xoves a presentación do libro “Fremosas”, do dúo Barahúnda


Barahúnda, dúo musical formado por Helena de Alfonso e José Lara Gruñeiro, presentará o libro “Fremosas: cantigas de amigo e de amor” este xoves 5 de xuño, ás 20:00 horas, na sala municipal de exposicións de Brión. Unha presentación, que contará coa participación do actor Lucho Penabade, que será de acceso libre e de balde ata completar a capacidade do local.

“Fremosas: cantigas de amigo e de amor” é o quinto traballo de Barahúnda e foi editado por Toxosoutos en galego e castelán. O libro xira en torno ás cantigas medievais galego-portuguesas de amigo e de amor, cancións que poden descargarse a través dos códigos QR que inclúe a publicación. O libro está composto por once cancións, sete delas xa aparecían en discos anteriores e catro son novas composicións.

Fin do Maio Cultural

A presentación do libro “Fremosas: cantigas de amigo e de amor” forma parte da programación do Maio Cultura, organizada polo Concello de Brión e que incluíu trece actividades culturais moi variadas como unha homenaxe ás cantareiras, a entrega da sétima edición do premio Laudamuco, un concerto da banda municipal de Brión e varias sesións teatrais e de contacontos.

Precisamente un contacontos, nesta ocasión da man de Aída Cobas, será o encargado de poñer o broche de ouro a este programa o venres 6 de xuño, ás 18:00 horas, na sala municipal de exposicións de Brión. Unha actuación patrocinada polo programa Ler Conta Moito, da Rede de Bibliotecas de Galicia. A entrada é de balde, se ben é preciso reservar entrada en https://bibliotecadebrion.blogspot.com/

“Cantaruxa, Caruxa” é un espectáculo dirixido a un público familiar con nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Trátase dun espectáculo de narración oral que supón un achegamento ás mulleres maiores que preservaron e transmitiron a nosa poesía popular oral. Así, o conto pon en escena a dúas personaxes: a cantareira Adolfina e a súa neta Catuxa, que desfruta escoitando á súa avoa pero non se atreve a cantar canda ela. Por iso, Adolfina organiza un xogo no que a súa neta deberá pasar por unha serie de probas relacionadas co canto e coa percusión tradicional, o que levará á cativa a poñer en valor o patrimonio inmaterial custodiado pola súa avoa e por outras tantas mulleres ás que este ano se lles dedicaron as Letras Galegas.

Deja un comentario