
― O prazo de usuarios para solicitar estas axudas está aberto ata o 13 de novembro do 2026 ou ata que se esgote o crédito
― As empresas interesadas en colaborar poderán seguir adheríndose a EBici ata finais de agosto do 2026
― A orde estará dotada con 1,7M€ e financia a compra de bicicletas novas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Noia, Santiago Freire, visitou o establecemento MC Bikes Noia para animar a solicitar as axudas para mercar bicicletas eléctricas con pedaleo asistido ou bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas. O prazo está aberto ata o 13 de novembro ou ata que se esgote o crédito en calquera dos establecementos asociados ao programa,. A delegada informou que serán os propios negocios adheridos os encargados de presentar estas solicitudes para concluír a compra.
A representante do Goberno galego explicou que esta nova convocatoria está dotada con 1,7 millóns de euros, distribuídos en dúas anualidades: 1 millón de euros en 2025 e 700.000 euros en 2026. Con esta iniciativa, preténdese contribuír a dinamizar o comercio local e estimular a economía dos pequenos establecementos. Ademais, lembrou que na xornada de hoxe conmemorase o Día Mundial da Bicicleta, unha xornada na que recoñece a singularidade, a lonxevidade e a versatilidade da bicicleta, que leva en uso dous séculos e que constitúe un medio de transporte sostible, sinxelo, alcanzable, fiable, limpo e ecolóxico.
Belén do Campo destacou a utilidade destas achegas xa que o importe destas subvencións parten do 50% do custo cun máximo de 500 euros con carácter xeral. As familias numerosas contarán cun 60% de desconto co máximo en 600 euros e no caso das familias numerosas de categoría especial ou as persoas con mobilidade reducida as axudas aumentan ata o 70% ou un máximo de 700 euros do custo da bicicleta ou dispositivo adaptado para cadeira de rodas.
A listaxe de establecementos asociados pódese consultar a través da páxina web https://ebici.xunta.gal da Dirección Xeral de Mobilidade e irase actualizando segundo avance o programa. Na comarca do Barbanza están adheridos 3 establecementos e a delegada animou a que se sigan unindo máis xa que compre recordar que o prazo dos establecementos para adherirse a EBici segue aberto, polo que poderán seguir sumándose ata o 31 de agosto do 2026
Poden adherirse calquera establecemento de Galicia que se dedique total ou parcialmente á venda de bicicletas e serán os encargados de presentar, de xeito electrónico, a solicitude de axuda para completar a compra.
Impulso da mobilidade sostible e saudable
O programa continúa a aposta que dende a Xunta se fai en prol da mobilidade alternativa. EBici busca incentivar o uso dun transporte sostible, integrador e saudable como é a bicicleta, especialmente na contorna urbana onde se atopa a meirande parte da poboación.
Con este tipo de medidas, o Goberno galego busca reducir o uso do vehículo particular nos desprazamentos da contorna urbana, desconxestionando os centros das cidades galegas e reducindo en consecuencia a contaminación ambiental e acústica.
Dende o seu inicio en 2022 ata o peche da última convocatoria en novembro do 2024, o Goberno galego destinou preto de 2,7 millóns de euros a EBici cos que se logrou mobilizar arredor de 8 millóns de euros en total. Con esta nova convocatoria xa serán 4,4 millóns de euros os fondos destinados dende a Xunta.
O éxito do programa reflexouse nas 167 entidades colaboradoras e nas 5.300 persoas beneficiadas por estas axudas, principalmente na contorna urbana, onde se concentra a meirande parte da poboación, das cales 1.582 foron da provincia da Coruña. En canto ás entidades adheridas 61 foron da provincia coruñesa.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.