Friday 06 de June de 2025

A Xunta organiza unha trintena de actividades para celebrar a semana internacional dos arquivos


— Visitas teatralizadas, conferencias e concertos, entre as actividades das cinco entidades xestionadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

— Achegaranlle á cidadanía dun xeito lúdico e con xornadas de portas abertas o importante labor que realizan de conservación e divulgación do noso patrimonio

— O Arquivo de Galicia e o Histórico de Lugo inauguran mostras co gallo desta efeméride, ao igual que o Provincial de Ourense, vencellada co ‘Ano Castelo’

A Xunta de Galicia programa unha trintena de actividades para todos dos públicos durante este mes para celebrar o Día Internacional dos Arquivos, que se conmemora o vindeiro luns, día 9, coa intención de achegar o seu traballo á cidadanía e que coñezan de primeira man e dun xeito lúdico o importante labor que realizan de conservación e protección do noso patrimonio. Ao longo de xuño, e especialmente na mesma xornada da efeméride, organizaranse visitas guiadas —algunhas delas teatralizadas—, conferencias, actividades musicais e publicacións nos cinco arquivos xestionados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Cómpre destacar que a programación para o festexo desta data inclúe a inauguración de tres exposicións: unha, no Arquivo de Galicia, situado na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, o vindeiro venres, día 6, seguida doutra no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, o 10 de xuño, que vai estar vencellada coa celebración este 2027 do Ano Castelao, co gallo do 75 aniversario do seu pasamento. Sumaráselle o de Lugo cunha mostra conmemorativa, de carácter fotográfico, que se abrirá ao público o día 23.

Arquivo de Galicia
A mostra do Arquivo de Galicia leva por título Educando a mirada. Leccións de Arte e Deseño. Nela ponse en valor a actividade entre a segunda década do século XIX e mediados do século XX de dúas institucións comprometidas coa formación de artistas e artesáns en Santiago de Compostela, como son a Real Sociedade de Amigos do País e a Escola de Artes e Oficios.

Ademais desta exposición, aberta ata o 19 de outubro, o Arquivo de Galicia organizará durante a semana do 9 ao 13 de xuño xornadas de portas abertas para que as persoas que o soliciten poidan visitar as súas instalacións. O horario destas visitas é de 9 a 14 horas.

Arquivo Histórico Provincial de Ourense
A segunda das mostras que se inaugurará ex profeso para conmemorar esta efeméride será no Arquivo Histórico Provincial de Ourense. A exposición Castelao: 75 cabodano encádrase ao abeiro dos actos de celebración do Ano Castelao, declarado institucionalmente polo Goberno galego este 2025, en que se cumpren tres cuartos de século do pasamento do intelectual galeguista. Na exposición percórrese a traxectoria vital do escritor de Rianxo e as súas diferentes facianas como debuxante, caricaturista, dramaturgo, intelectual e político. Deste xeito, exhibiranse na mostra traballos e documentación dos fondos deste arquivo desde o 10 de xuño á súa clausura, o 19 de setembro.

Ademais esta programación irmandando o Día dos Arquivos co Ano Castelao inclúe para o 16 de xuño unha conferencia a cargo do catedrático Afonso Vázquez Monxardín, quen afondará nos vencellos do intelectual galeguista co cidade de Ourense coa Xeración Nós, facendo especial fincapé no coñecido mitin que deu na cidade, que acolleu tamén a súa primeira exposición de caricaturas.

Coa celebración desta efeméride tamén se organizan visitas guiadas ás 12 e 19 horas o mesmo día da efeméride, o 9 de xuño, e veranse completadas coas teatralizadas dirixidas a centros escolares, que se organizarán os días 12 e 13 de xuño, ás 10,30 horas. Baixo o título O segredo dos Franciscanos, a rapazada viaxará no tempo a través dos documentos vencellados con esta orde, que tivo sede xusto nestas instalacións.

Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra
O Arquivo Histórico de Pontevedra súmase a este festexo con varias exposicións de formato pequeno e cunha conferencia da doutora en Historia Ana Sixto Barcia sobre a educación en Galicia entre os séculos XVII e XIX, onde se tira proveito de extensa da documentación que acubilla esta institución histórica. O 6 de xuño será a data de apertura destas mostras nas súas instalacións e tamén da celebración do relatorio, que dará comezo ás 19 horas.

Precisamente, será tamén ese venres, ás 12 horas, cando se artellen xornadas de portas abertas con visita ao arquivo. Completaranse as activades cunha velada musical, ás 20 horas, a cargo da cantautora galega Pauliña, cun repertorio que vai desde o country ao folk, rock e blues.

Arquivo Histórico Provincial de Lugo
As instalacións do Arquivo Histórico Provincial de Lugo albergarán unha mostra creada para esta data conmemorativa. Inaugurarase o 23 de xuño e trátase dunha exposición que baixo o título O gabinete fotográfico de Constantino Rodríguez, amosará 210 imaxes que agrupan retratos e tamén actividades da cidade e de oficios e contará tamén cunha publicación.

Amplíase a celebración do Día dos Arquivos con outras publicacións vencelladas con este día como con visitas guiadas que, neste caso se organizarán o mesmo día, o luns 9.

Arquivo do Reino de Galicia
Finalmente, no Arquivo do Reino de Galicia, na cidade da Coruña, vaise realizar un podcast e vídeos, aos que se lle dará difusión nas súas redes sociais ao longo de todo o mes co obxecto de promocionar a actividade e curiosidades dos seus documentos ou das función ou tarefas que realizan.

De igual xeito, publicará un calendario de efemérides vencellado co 250 aniversario da creación deste arquivo e cos 70 anos da inauguración das instalacións no edificio actual. Engadiráselle a edición do informe que permitirá ver a evolución e situación actual do Arquivo do Reino de Galicia desde os seus inicios ata a actualidade.

Todas as persoas interesadas en participar nalgunha das actividades destes cinco arquivos poden consultar máis información sobre elas nas páxinas web de cada un deles, que tamén farán uso das súas redes sociais estes días poñendo o foco en dar a coñecelas máis polo miúdo, á vez que tirarán proveito estes días para difundir documentacións singulares e relevantes que custodian.

Deja un comentario