Thursday 05 de June de 2025

A Xunta amplía o visor a paisaxe de Galicia desde a bicicleta ata chegar a máis 80 rutas e preto de 4.000 km


— Ángeles Vázquez explica que coa incorporación dos novos itinerarios configúrase unha malla máis densa e equilibrada do territorio, xa que inclúe as 12 Grandes Áreas Paisaxísticas de Galicia con percorridos que pasan polo territorio de 161 concellos

— A través deste visor, o usuario ten á súa disposición unha ficha individual de cada ruta que recolle os datos máis relevantes e pode descargarse en formato PDF

— Desde a posta en marcha desta ferramenta dixital, en setembro de 2022, xa recibiu preto de 22.000 visitas e realizáronse case 1.600 descargas de arquivos

 

A Xunta de Galicia ampliou o visor dixital A paisaxe de Galicia desde a bicicleta, que é unha aplicación web con percorridos perfectamente cartografados e en formato descargable, ata chegar a 82 rutas de alto valor paisaxístico e preto de 4.000 quilómetros.

Segundo explicou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, antes de facer unha das novas rutas con motivo do Día Mundial da Bicicleta entre Caión, no concello da Laracha, e a praia da Pedra do Sal, en Carballo, coa incorporación dos novos itinerarios configúrase “unha malla máis densa e equilibrada do territorio”, xa que inclúe as 12 Grandes Áreas Paisaxísticas de Galicia con percorridos que pasan polo territorio de 161 concellos das catro provincias.

Logo de lembrar que esta ferramenta dixital, elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), está dispoñible desde hai case tres anos incluíndo ata agora un total de 52 rutas cunha extensión de máis de 2.300 quilómetros, Ángeles Vázquez incidiu en que esta iniciativa pon en valor o patrimonio natural galego, así como a riqueza paisaxística da Comunidade. Ademais, todas as rutas foron elixidas por ser percorridos seguros e naturais e por ser aptas para circular en bicicleta nun grao alto; de feito, un dos criterios de selección foi que menos dun 25% do itinerario son estradas.

A conselleira, que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e do director do IET, Enrique de Salvador, explicou que, a través deste visor, o usuario ten á súa disposición unha ficha individual de cada ruta que recolle os datos máis relevantes e pode descargarse en formato PDF. En concreto, estas fichas inclúen unha ampla información do itinerario como fotos, mapas, nivel de dificultade —familiar, media e experto—, perfís do terreo e, de maneira moi singular, a situación dos miradoiros e lugares cun alto valor paisaxístico.

A maiores, tamén incorporan un código QR que redirixe ao usuario a Wikiloc, unha aplicación gratuíta e moi estendida entre os ciclistas en todo o mundo, a través da que se pode descargar e gardar o percorrido de cada ruta en diferentes dispositivos electrónicos, como GPS, reloxos intelixentes e móbiles.

Esta ampliación completa o traballo iniciado pola Xunta no ano 2021 en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo e coa empresa do sector turístico Sherpa Project, así como con achegas por parte de concellos e diversos clubs ciclistas.

Ao igual que na primeira fase, a inclusión das novas rutas no visor viu precedida dun exhaustivo traballo para a recollida e tratamento de datos e un posterior traballo de campo, consistente na realización de cada un dos recorridos en bicicletas dotadas de ferramentas tecnolóxicas que permitiron a captura en vídeo dos trazados e tamén a obtención de información moi completa para detallar as súas características.

Para concluír, a conselleira subliñou que desde a posta en marcha desta ferramenta dixital, en setembro de 2022, xa recibiu preto de 22.000 visitas e case 1.600 descargas de arquivos. A través do enlace de Wikiloc, foron máis de 19.600 as visitas recibidas e preto de 1.200 descargas.

Deja un comentario