Saturday 16 de November de 2024

A Xunta xa expediu un total de 152 licencias interautonómicas de caza desde o pasado mes de novembro


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, presidiu hoxe a reunión ordinaria do Comité galego de caza
 O pasado mes de novembro entrou en vigor o convenio de colaboración entre o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e Galicia para o establecemento de licencias interautonómicas de caza e pesca en augas intercontinentais. Desde ese momento, Galicia xa ten emitido 153 licencias de caza con validez noutras comunidades autónomas.

Así o adiantou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante a reunión ordinaria do Comité galego de caza. Na súa intervención, fixo fincapé en que a emisión deste tipo de licencias redunda nunha maior eficacia administrativa e eficiencia no gasto, así como tamén axuda a promover esta actividade, de gran relevancia en Galicia. De feito, como exemplo do peso que a actividade cinexética ten na comunidade autónoma, a conselleira apuntou que só en 2015 se expediron 46.000 licencias de caza.

“A caza é especialmente importante no medio rural, onde reporta beneficios á poboación local, como a dinamización da economía ou a preservación do medio”, continuou Mato, quen apostou por unha “caza sustentable” que contribúa á preservación dos ecosistemas e á recuperación de certas especies.

Ademais do avance que se ten acadado grazas ás licencias interautonómicas, a conselleira puxo en valor outros logros, como o grupo de traballo do Plan de xestión integral do xabaril. No mesmo participaron representantes da administración, do sector cinexético, do sector agrograndeiro, das asociacións ecoloxistas e expertos da Universidade de Vigo. Grazas ás reunións mantidas, definíronse unha serie de actuacións encamiñadas a mellorar a xestión do xabaril. Nestes momento, a Consellería está a analizar as propostas realizadas, para implantar posteriormente as medidas precisas para diminuír os danos asociados ao xabaril.

Xa para rematar, Mato salientou a importancia do Comité galego de caza como órgano de participación, en tanto mostrou o seu convencemento de que “a través do diálogo e o debate será como alcanzaremos a mellor capacidade de xestionar a nosa riqueza cinexética”.