Saturday 07 de June de 2025

O Concello abre este mércores o prazo de preinscrición no campamento gratuíto de verán “Neda concilia”


Desenvolverase no mes de xullo e contará cun máximo de 90 prazas

O Concello activará, un ano máis, durante o mes de xullo o seu campamento urbano gratuíto. Baixo o nome de “Neda concilia: Con C de corresponsabilidade”, a administración local facilitará aos pais e nais do municipio a conciliación de vida laboral e familiar durante parte das vacacións escolares, ofertando unha programación de lecer variada e atractiva para o público infantil. A administración local abre do 4 ao 11 de xuño o prazo de preinscrición.

O servizo de atención á infancia estará operativo nas instalacións do CEIP San Isidro do 1 ao 31 de xullo (agás o día 25, festivo autonómico), entre as 8.45 e as 13.45 horas. E estará dirixido a nenos e nenas do municipio de entre 3 e 12 anos. Haberá 90 prazas.
Organizada en grupos, en función da idade, a rapazada que participe terá cada día nunha morea de propostas diferentes. Así, haberá actividades creativas, deportivas, lúdicas, medioambientais, xogos de auga na piscina municipal… e fomentaranse valores como a igualdade, ou a solidariedade.

Ata o 11 de xuño, ás 14 horas, as familias interesadas en beneficiarse do servizo durante todo o mes de xullo deberán presentar no rexistro municipal, ben de forma presencial ben a través da sede electrónica, a solicitude de participación (dispoñible na web municipal e na Casa Consistorial) e a documentación complementaria (cabeceira da nómina ou nóminas) precisa para facer a preselección no caso de que a demanda supere a oferta dispoñible.

Neste caso, teranse en conta os criterios de acceso que marca a Consellería de Política Social e Igualdade, entidade que cofinancia o programa. Así, terán prioridade as familias monoparentais, aquelas que están en situación de emerxencia social ou sexan vítimas de violencia de xénero, familias nas que nai e pai traballen, e familias con dependentes a cargo. Ademais, terá sempre prioridade a renda máis baixa.
A listaxe de admitidos publicarase o día 13 de xuño, abríndose posteriormente o prazo oficial de inscrición, do 16 ao 23.

Deja un comentario