Friday 06 de June de 2025

Fene prepárase para unha edición da “Fashion Night”, que se celebrará o sábado 7 de xuño


Un total de 24 locais comerciais participarán nesta cita, que contará tamén con concertos, exhibicións de baile e ambientación especial nas rúas

A concelleira Ángeles Coira salienta o apoio do Concello de Fene á iniciatvia, que promove o comercio local con produtos de calidade a mellor prezo

Fene vivirá o sábado 7 de xuño unha nova edición da Fashion Night, un evento que reunirá moda, música e animación nas rúas, cun claro obxectivo: promover o comercio local e dinamizar a vida social e económica do concello. A actividade, organizada pola Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos “O Cruceiro” coa colaboración do Concello de Fene, desenvolverase de 10:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas, nos 24 locais participantes, que ofrecerán descontos especiais, ofertas exclusivas e un ambiente único para as compras.

Durante a xornada, as rúas estarán decoradas con torres de globos, alfombras, sofás e flores, creando un espazo atractivo e acolledor que invitará a veciñanza e visitantes a pasear e descubrir as propostas do comercio fenés. Ademais, haberá música ambiente nos establecementos Roiben, Jomer, DaMa, Bualá e Berline, contribuíndo a crear unha atmosfera festiva durante toda a xornada.

A concelleira de Promoción Económica, Ángeles Coira, salientou que “a Fashion Night é unha oportunidade para redescubrir o comercio de proximidade, con produtos de calidade, atención personalizada e prezos moi competitivos”. “Desde o Concello apoiamos esta iniciativa, tanto con recursos económicos como loxísticos, porque cremos nun modelo de concello vivo, no que o comercio teña un papel protagonista na dinamización social e económica”, engadiu.

Exhibicións de baile e música en directo

A programación incluirá tamén exhibicións de baile nas beirarrúas da Avenida Marqués de Figueroa (números 4, 18 e 50), con actuacións dos grupos May Dance (ás 19.00, 20.00 e 21.00 horas) e Fusion Dance (ás 19.30, 20.30 e 21.30 horas).

Xa pola noite, entre as 22.30 e as 24.00 horas, celebraranse tres concertos en diferentes puntos do centro urbano: Los Alcántara, xunto a El Camarote; Sintron ni son, na Praza Verde; e Javi Regueiro, diante de Arrecendo

En caso de choiva, está previsto instalar carpas para garantir a celebración das actuacións musicais.

Establecementos participantes:

Os vintecatro establecementos participantes son Arrecendo, Berline, Bualá, El Camarote, Lembranza, Cáprica, Roiben, DaMa, San Esteban, Kenia, Koralli, Loly Calvo, Más Sport, Mayka, Mi Pachu, Jomer, O Son de Cociña, Pastelería Martínez, Mar Veiguela, SCP Beauty, Tarabela, Tivoli, Un Pedacito de Mí e ZSR Zapatería.

Con esta nova edición da Fashion Night, Fene reafirma a súa aposta por un modelo de concello onde o pequeno comercio, a cultura e a vida social camiñan da man.

Deja un comentario