
A Xunta de Goberno Local aprobou nas dúas últimas sesións as licenzas urbanísticas que permitirán a construción de 60 vivendas en dous edificios urbanos.
Por unha banda, na última reunión de maio saíu adiante a autorización para un edificio de 46 vivendas na rúa Perú. O inmoble constará de dúas plantas soto, destinadas a garaxe, cun total de 85 prazas e 27 rochos; planta baixa, para locais de uso comercial; catro plantas con 10 vivendas en cada unha e baixo cuberta con 6 vivendas. Todos os pistos terán tres dormitorios e terraza, e nas zonas comúns de cada andar haberá 4 rochos. A superficie total construída do edificio será de 9.164,20 m² máis 750,90 m² de terrazas.
Por outra banda, na primeira sesión de xuño, celebrada este luns, foi aprobada a solicitude de licenza para a ampliación dun edificio situado na esquina das rúas Luis Calvo e Perú, que agora mesmo ten dúas plantas soto e planta baixa, e que agora poderá ampliarse coa elevación de catro plantas altas e baixo cuberta para destinalas a uso residencial. En total crearanse 14 vivendas e 10 rochos, ademais dun local comercial libre. A superficie total construída do edificio é de 2.444,00 m², 912,00 m² correspondentes ás plantas soto e baixa existentes e 1.532 metros cadrados ás plantas de nova construción (primeira a baixo cuberta).
No último trimestre do ano pasado presentáronse no rexistro municipal solicitudes de licenza para tres promocións inmobiliarias: unha de 8 pisos na rúa Tarragona, outra de 14 na esquina de Luis Calvo con Nébedas e a terceira, a das 46 vivendas na rúa Perú. Esta última conta xa coas autorizacións necesarias para que poidan comezar as obras.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.