Wednesday 04 de June de 2025

Ramón Núñez Centella, nomeado Fillo Predilecto da Coruña polo seu labor a prol da divulgación e os Museos Científicos


Inés Rey: “Moncho Núñez representa como ninguén esa Coruña aberta, inqueda e interesada polo coñecemento”

O divulgador científico e grande impulsor dos Museos Científicos Coruñeses, Ramón Núñez Centella, foi nomeado este luns como Fillo Predilecto da Coruña, nun acto celebrado no salón de sesións do Palacio Municipal de María Pita e que estivo presidido pola alcaldesa, Inés Rey. Na cerimonia estiveron presentes membros da Corporación Municipal, representantes políticos do período no que Núñez Centella exerceu como director dos Museos Científicos e familiares e amigos/as do homenaxeado.
“Moncho Núñez é considerado por moitos como un dos pais da museoloxía científica en España, Europa e boa parte do mundo”, sinalou a alcaldesa, Inés Rey, durante a súa intervención. ‘Moncho’ Núñez, nado na Coruña no ano 1946, foi a persoa que concibiu a rede de museos municipais que hoxe integran a Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae, tres espazos de divulgación científica que “baixo a súa dirección crearon un modelo e unha experiencia museística modélica como vangarda do país, sentando as bases doutros moitos espazos do mundo”, apuntou a alcaldesa.

O nomeamento de Ramón Núñez como Fillo Predilecto da cidade chega nun contexto moi especial, xa que onte, domingo 1 de xuño, celebrouse o 40.º aniversario da Casa das Ciencias, inaugurada no parque de Santa Margarida no ano 1985. O pasado venres, o propio Núñez Centella tomou parte do acto conmemorativo organizado polo Concello nos soportais do museo.
“Grazas a Moncho e ao goberno municipal encabezado por Francisco Vázquez que impulsou esta rede de museos, a ciencia na Coruña tócase, mírase, síntese e, sobre todo, enténdese, transformando a curiosidade dun neno en coñecemento”, sinalou Inés Rey, que expuxo o seu compromiso como alcaldesa co mantemento e mellora da rede de Museos Científicos Coruñeses.
“Moncho representa como ninguén a esa cidade aberta, inqueda e interesada polo coñecemento que é A Coruña, desde unha visión tamén lúdica, unha cidade que está no mapa mundial da divulgación científica grazas a Moncho”, indicou Rey.

Deja un comentario