Wednesday 04 de June de 2025

O Concello regula a realización de cacharelas de San Xoán en espazos públicos e privados


· As persoas que desexen facer unha fogueira deberán presentar a súa solicitude antes do 19 de xuño a través do rexistro municipal ou da sede electrónica.

A Pobra prepárase para vivir unha das noites máis máxicas do ano: a festividade de San Xoán. Para garantir que a celebración se faga coa máxima seguridade, o Concello regula, a través dun bando, a realización de cacharelas en espazos públicos e privados durante a noite do 23 ao 24 de xuño. Con independencia de onde se fagan, as fogueiras están suxeitas a unha solicitude previa que deberá tramitarse antes do 19 de xuño no rexistro municipal ou sede electrónica.

En espazos públicos fíxanse as seguintes condicións:

· Na praia dos Areos autorizaranse, unicamente, no tramo entre a rampla e a zona de duchas, no inicio do paseo.

· No areal da Lombiña poderán facerse dúas lumeiradas, unha na entrada e outra na contorna do campo de voleibol.

· Nos Raposiños permitirase unha única fogueira.

As peticións para outros lugares distintos dos anteriores serán atendidas individualmente e autorizaranse en función do risco que supoñan. O Concello restrinxe as cachadas nas praias da Corna, A Illa e A Barca.

En todos os casos, o horario de inicio será a partir das 20.00 horas do luns, 23 de xuño, debendo rematar antes das 3.00 horas do martes, día 24. As persoas responsables deberán facerse cargo da limpeza e da recollida de calquera residuo. No caso de Areos, os labores reforzaranse ao día seguinte por parte do persoal municipal.

Zonas privadas

No caso das fogueiras en espazos privados, a hora de inicio está marcada a partir das 18.00 horas do 23 de xuño. En canto ao remate, este está fixado para antes das 3.00 horas do 24. Na súa solicitude, as persoas particulares deberán indicar nome, apelidos e DNI da persoa solicitante e/ou responsable da fogueira en caso de non ser a mesma, enderezo electrónico, un teléfono móbil de contacto e o lugar exacto da cacharela.

Restricións

Os materiais que se empreguen para as fogueiras deberán ser de orixe vexetal, non podendo usarse outros como plásticos, gomas, espumas, pinturas, vernices, nin acelerantes. Así mesmo, a madeira non debe conter restos metálicos nin vidro.

Previamente ao inicio deberá executarse unha devasa mediante a eliminación manual ou mecánica do material combustible nunha franxa de, polo menos cinco, metros de ancho. Queda prohibido realizar lumes en solos rústicos de protección forestal e en espazos naturais, preto de masas forestais ou matogueiras.

As solicitudes terán que prestarse antes do 19 de xuño no rexistro municipal ou mediante sede electrónica indicando o lugar exacto da fogueira. As persoas que fagan a petición con posterioridade non contarán con autorización municipal.

Deja un comentario