Wednesday 04 de June de 2025

A Filmoteca de Galicia recibe en xuño os Festivais (S8), Diversimacine e a programación estendida do Play-Doc


— A sala José Sellier da Coruña proxectará oito das 18 sesións da (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico

— Diversimacine volve con títulos que poñen o foco na inclusión, mentres que o Play-Doc reivindica a figura da norteamericana Elaine May

— Chegan ao seu fin o ciclo Close-Up sobre cinema e perspectiva de xénero e a retrospectiva dedicada a Marcello Mastroianni

A Filmoteca de Galicia será nesta primeira semana de xuño unha das sedes principais da 16ª edición da (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, que proxectará na Sala José Sellier oito das 18 sesións deste festival dedicado á cinematografía máis experimental. As colaboracións cos encontros Diversimacine e Play-Doc, o peche da retrospectiva de Marcelo Mastroianni e as derradeiras sesións do ciclo Close-Up, cine e perspectiva de xénero son outras das citas destacadas coas que se despedirá a tempada 2024-2025 na sede da cinemateca da Xunta de Galicia.

A obra de referentes do Súper 8 en Latinoamérica centrará a programación da mostra (S8), nunha homenaxe ao 60º aniversario do lanzamento deste formato. Así, a sesión do día 5 estará dedicada á chilena Jeanette Muñoz, recoñecida figura do cinema de vangarda contemporáneo, que estrea Fuente Alemana e El Cortijo. Ademais destas pezas, que lle achegan ao público enclaves de Chile a través da ollada de persoas migrantes, ese mesmo día tamén se proxectarán Envíos (2005-2025) e Humedal (2023).

Ademais, a Filmoteca acollerá unha clase maxistral de Carlos Castillo, pioneiro neste formato e responsable do Festival del Cine en Super 8 de Caracas a finais dos anos 70, e recibirá a estadounidense Betzy Bromberg para repasar a súa obra proxectada en 16 mm, incluíndo o pase por vez primeira en España das longametraxes Darkness Swallowed (día 6) e Glide of Transparency (día 7).

A programación desta semana no marco do certame coruñés ofrece así mesmo un achegamento á nova vangarda galega cos títulos Montaña Abaixo, de Carlos M. Peñalver, e Áncora, de Cristina Souto Pita, que poderán verse mañá como parte da sección Sinais. Xa o día 6 exhibiranse os 14 traballos do programa Paraíso, organizado polo eSe8_LAB con financiamento da Xunta de Galicia e no que participan as universidades de Vigo, Salamanca e Complutense de Madrid.

A carteleira de xuño continuará da man do Festival DiversidArte, encontro de artes pola inclusión e a diversidade organizado polo colectivo Poten100mos, que un ano máis presenta na Filmoteca de Galicia o ciclo Diversimacine. A cita será os días 11 e 12 de xuño, cunha escolma de curtametraxes de procedencia diversa e con entrada de balde.

Pola súa banda, o Play-Doc de Tui volve colaborar este mes coa Filmoteca para poñer o foco na inclasificable realizadora Elaine May, unha lenda viva que recibiu en 2022 o Óscar honorífico da Academia estadounidense. O día 10 proxectarase a súa comedia Corazón verde e o día 13, o drama criminal Mikey y Nicky.

Cinco grandes dirixen a Mastroianni
O ciclo sobre o centenario de Marcello Mastroianni, desenvolvido xunto co BCN Film Fest, conclúe con cinco novas películas de realizadores tan prestixiosos como Vittorio de Sica, quen dirixiu o mítico actor italiano en Los girasoles, programada os días 10 e 11; Ettore Scola, detrás da cámara de Un italiano en Chicago (días 12 e 14); Marco Ferreri, co que traballou en La gran comilona (días 13 e 17); Marco Bellocchio, para quen encarnou un disparatado Enrique IV (días 18 e 19); e Nikita Mikhalkov, quen contou con el para Ojos Negros (días 20 e 21).

Chega igualmente á súa fin o ciclo Close-Up. Cine e perspectiva de xénero, que se iniciou en outubro baixo o comisariado de Jara Yáñez e Elsa Tébar, e que trouxo á Filmoteca cineastas como Pilar Palomero, Carla Simón, Mar Coll, Jonás Trueba, Itsaso Arana ou Alauda Ruiz de Azúa. Para as súas dúas derradeiras sesións, proponse o día 25 unha palestra sobre distribución xunto coa proxección de Los Tortuga, da barcelonesa Belén Funes, e o día 26 un encontro co cineasta hispano-arxentino de orixe galega Matías Piñeiro, quen presentará o seu último filme, Tú me abrasas.

Homenaxe a Castelao
A sección Materiais para unha historia do cine en Galicia dedicaralle as súas dúas sesións de xuño ao 75º aniversario do falecemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, nas que se proxectarán o documental biográfico do arxentino Jorge Prelorán, Castelao: la biografía de un ilustre gallego (día 19) e as tres pezas conservadas e restauradas pola Filmoteca nas que aparece Castelao (día 28): Miss Ledyia, de 1916, a súa aparición nun noticiario de Vicus Films de 1929 e a compilación de imaxes da súa presenza en Bos Aires recollidas polo camarógrafo Eligio González.

A Filmoteca será tamén o escenario o día 17 para a presentación do libro de Manolo González O cineísta andarengo, dedicado ao realizador afeccionado Bernardino de Lamas, seudónimo do xornalista ferrolán Alfonso Piñón Teixido, que se acompañará dunha escolma das súas películas conservadas na cinemateca galega.

Ademais, o día 18 está programada a sesión de películas médicas El cuerpo enfermo en el cine de los orígenes (1902-1920), en colaboración coa Filmoteca de Catalunya e Filmoteca Española, mentres que na sección Fóra de serie proxectarase o día 27 o documental Hija del volcán, de Jennifer de la Rosa Martín.

Deja un comentario