Wednesday 04 de June de 2025

Turismo de Galicia aposta pola difusión internacional dos recursos turísticos da Costa da Morte


Xosé Merelles participou na presentación dunha nova web, un libro dixital e unha guía de artesanía que recollen os atractivos deste xeodestino co apoio da Xunta

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou esta mañá a páxina web visitacostadamorte.com que inclúe o libro dixital ‘Costa da Morte: Confín de Europa”, do investigador e divulgador Francisco Fernández Carrera, e a ‘Guía de Artesanía na Costa da Morte’. “Tres importantes ferramentas de promoción internacional dun destino que está a ter unha gran proxección nos últimos tempos”, segundo salientou o director de Turismo de Galicia no acto que tivo lugar no Parador Costa da Morte.

Xosé Merelles salientou que estes tres novos elementos de promoción da Costa da Morte, que contan co apoio da Xunta de Galicia, servirán para amosar e promover os recursos turísticos desta zona. Estes semellan estar “reservados para seren descubertos, cun altísimo valor natural, paisaxístico, histórico ou cultural, nos 17 concellos que forman parte deste destino tan singular e auténtico”, asegurou.

“A Costa da Morte presenta un amplo e variado abano de posibilidades para visitar”, subliñou o director de Turismo, engadindo que “isto xa o saben, os miles de visitantes que o pasado ano visitaron esta zona”.

Neste sentido, lembrou que en 2024, máis de 173.000 viaxeiros aloxáronse en hoteis da Costa da Morte, isto é un 6% máis que o ano anterior, facendo case 350.000 noites, que se traduciu nun incremento do 2,2% con respecto a 2023.

Ademais, salientou o peso do mercado internacional, cun peso do 27%, e tamén o carácter desestacionalizador do destino ao incrementarse a demanda o 8% en meses fóra de tempada.

Deja un comentario