Wednesday 04 de June de 2025

A Banda Municipal e a Banda Sinfónica do Conservatorio Superior, man a man nun concerto de música clásica que terá lugar o xoves no Centro Ágora


O Concello tamén colabora co Conservatorio Superior na organización do espectáculo escénico ‘Luisa Fernanda’, que implicará a 150 estudantes coruñeses en dúas funcións no Teatro Colón, mañá e o mércores 4

O Concello da Coruña e a Xunta de Galicia colaboran esta semana na promoción das actividades do Conservatorio Superior de Música (CSM), que mañá e o mércores 4 organiza o espectáculo escénico ‘Luisa Fernanda’ no Teatro Colón, coa participación de 150 estudantes de seis centros públicos galegos (CSM, a ESAD de Galicia, EASD Pablo Picasso e os CIFP de Imaxe e Son, Someso e Paseo das Pontes).

A zarzuela ‘Luisa Fernanda’ combina interpretación musical, escénica, produción técnica, deseño e creación audiovisual e xera un vórtice creativo que pon en valor o traballo interdisciplinario e a creación colectiva, ao remar todas as disciplinas nunha mesma dirección: a profesionalización do alumnado a través de experiencias reais e colaborativas.

Haberá dúas funcións: mañá, martes 3, coa estrea (ás 20.00 horas) e tamén o mércores 4 (ás 20.00 horas). A entrada será de acceso libre, ata completar a capacidade prevista.

A Banda e o CSM, xuntos este xoves no Ágora

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, convidou a cidadanía a asistir tamén á actuación prevista este xoves 5 no Centro Sociocultural Ágora, no que a Banda Municipal e a Banda Sinfónica do Conservatorio Superior de Música da Coruña sumarán forzas nun ‘Concerto a dúas bandas’ no que o director titular da BMMC, Juan Miguel Romero Llopis, levará a batuta.
“Esta semana vai ser moi especial para o tecido musical da cidade, xa que se amosará que A Coruña conta cun potencial enorme e que as alianzas entre os centros educativos e formacións como a Banda, cunha longa tradición tras de si, son positivas e fundamentais para o futuro”, subliñou Castro.

O concerto no Ágora (20.00 horas) será de acceso libre, ata completar a capacidade prevista.

Deja un comentario