Wednesday 04 de June de 2025

O Concello abre o prazo para solicitar as axudas ás asociacións veciñais e tamén para actividades en material social, de igualdade e diversidade


As entidades sen ánimo de lucro disporán de vinte días, do 4 de xuño ao 2 de xullo, para solicitar 335.000 € en axudas a proxectos de inclusión, igualdade e dinamización veciñal mediante a sede electrónica municipal

O Concello da Coruña abrirá esta semana o prazo de presentación de solicitudes para as convocatorias de subvencións da Concellería de Benestar Social, Participación e Igualdade, toda vez se publique o extracto no Boletín Oficial da Provincia (BOP) este martes, 3 de xuño.

As entidades interesadas disporán de vinte días hábiles —do 4 de xuño ao 2 de xullo— para rexistraren as súas peticións a través da sede electrónica municipal (https://sede.coruna.gob.es).
A área de Benestar Social, Participación e Igualdade destina 335.000 €, en réxime de concorrencia competitiva, a iniciativas que se executen entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025 e que melloren o benestar da veciñanza coruñesa.

A primeira liña, dotada con 125.000 €, está orientada a actividades ou proxectos de interese social no ámbito dos servizos sociais comunitarios: promoción e reinserción, prestación de recursos asistenciais ou programas de apoio á autonomía persoal.

A segunda convocatoria, con 150.000 €, impulsa a igualdade e a diversidade. Reparte 60.000 € para o fortalecemento e empoderamento do movemento asociativo e 90.000 € para accións de prevención das violencias machistas, atención ás vítimas, defensa dos dereitos LGTBQI e promoción da igualdade de xénero.

A terceira liña diríxese ás asociacións veciñais, con 60.000 € para apoiar o seu funcionamento (25.000 €) e para dinamizar programas, proxectos e actos de participación cidadá (35.000 €).
“Estas axudas fortalecen o tecido asociativo e garanten que proxectos claves cheguen á cidadanía que máis os precisa”, salienta a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa: “Animamos todas as entidades a aproveitar esta oportunidade para construír unha Coruña máis inclusiva e diversa”. As subvencións enmárcanse dentro das políticas sociais postas en marcha polo Goberno de Inés Rey nos últimos anos.

As bases completas e os modelos de solicitude están dispoñibles na sede electrónica municipal.
Para calquera consulta, o Departamento de Participación Social atenderá as posibles dúbidas sobre o proceso telefonicamente ou presencialmente e garantirá acompañamento durante todo o proceso.

Deja un comentario