
O alcalde de San Sadurniño anima ao tecido asociativo e á hostalaría local a participar nos obradoiros, previstos para os días 18 e 19 deste mes
O Xeoparque de Cabo Ortegal acaba de pechar varios días de divulgación con motivo do seu segundo aniversario e da celebración da Semana dos Xeoparques Europeos. Porén, a súa actividade non se detén e, ademais, abrangue ámbitos máis especializados e relacionados co desenvolvemento do territorio. Así, os días 18 e 19 de xuño terá lugar en Cedeira o denominado “Taller de creación de experiencias turísticas no Xeoparque Cabo Ortegal”, unha iniciativa dirixida a axentes locais do sector na que se lles darán algunhas claves para o deseño, posta en marcha e avaliación de propostas sostibles pensadas para as persoas que nos visiten. O obradoiro desenvolverase en catro sesións presenciais na aula do pavillón municipal e contará cun aforo limitado a 25 empresas. A inscrición está dispoñible a través deste formulario en liña. Trátase dunha acción promovida pola Deputación da Coruña co financiamento da Unión Europea no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino do Xeoparque Cabo Ortegal.
A programación do taller inclúe catro sesións de 2,5 horas cada unha, sumando un total de 10 horas formativas repartidas entre as mañás dos dous días. A primeira delas desenvolverase o xoves 18 abordando a definición de experiencias turísticas e a análise de casos de éxito noutros xeoparques, como o de Arouca (Portugal) ou o do Geoparkea da Costa Vasca, mentres que a segunda sesión estará centrada na creación e prototipado de propostas adaptadas ao territorio de Cabo Ortegal.
Na terceira sesión, que arrancará o venres 19 ás 09:00h, as persoas participantes traballarán en estratexias de promoción e canles de comercialización, identificando socios locais e deseñando accións conxuntas de márketing. A última sesión, de validación e seguimento, servirá para testar as propostas no campo, definir un mapa de lanzamento e establecer un sistema de avaliación.
A metodoloxía do taller é participativa, orientada a resultados reais e adaptada á realidade local. Está dirixido a empresas turísticas, restaurantes e aloxamentos, produtores locais, guías e tamén entidades vinculadas ao territorio, co obxectivo de fomentar a colaboración e a creación dun catálogo común de experiencias turísticas.
O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, anima a que o tecido local aproveite esta formación, coa que se pretenden “mellorar as competencias” das empresas, persoas autónomas e colectivos, “que son pezas clave na definición das experiencias que se poden vivir no Xeoparque”.
“Este obradoiro -prosegue o rexedor- tratará conceptos moi interesantes sobre planificación, desenvolvemento, promoción e medición de resultados. Pero penso que o máis importante é que as empresas, persoas autónomas e asociacións participantes se coñezan e empecen a traballar conxuntamente, facendo rede unhas coas outras e favorecendo que se creen sinerxias en forma de novas propostas turísticas unificadas e vencelladas aos valores que promove o Xeoparque Cabo Ortegal”.
Debido ao aforo limitado -ofértanse 25 prazas-, no caso de superar o número máximo de participantes aplicarase un proceso de selección baseado na viabilidade, no carácter colaborativo e na sostibilidade das propostas presentadas, xa que o obradoiro busca reforzar o tecido empresarial da zona nun marco de turismo sostible.
As persoas, empresas e colectivos interesados poden inscribirse cubrindo o formulario dispoñible en Google Forms. Para máis información, está habilitado o correo electrónico info@ObserverScienceTourism.com. A actividade, promovida pola área de Turismo da Deputación da Coruña, encádrase no desenvolvemento do Plan de Sostibilidade Turística en Destino Proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal, financiado pola Unión Europea con fondos Next Generation.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.