Tuesday 03 de June de 2025

A Xunta destaca a xenerosidade e a entrega do persoal voluntario de Protección Civil a prol da prevención e a seguridade cidadá


O director xeral de Emerxencias e Interior recolleu no nome do presidente do Goberno galego a máxima condecoración da Asociación Nacional de Protección Civil de España en Galicia e participou no encontro provincial destes colectivos na Coruña

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou no VI Encontro provincial de voluntarios e voluntarias de Protección Civil da Coruña, celebrado en Zas, onde sinalou a importancia deste persoal na prevención de riscos e na atención ás emerxencias. Incidiu tamén na xenerosidade e entrega que demostran os membros das agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC) e eloxiou o seu labor, “fundamental na seguridade e benestar da poboación, tanto en eventos extraordinarios como no día a día”.

No marco do evento fíxose entrega das condecoracións da Asociación Nacional de Protección Civil de España en Galicia. O director xeral recolleu no nome do presidente da Xunta a máxima distinción, outorgada a Alfonso Rueda pola constante e inestimable colaboración coa asociación e todas e cada unha das agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Galicia. Nos motivos da concesión sinálase tamén o establecemento de lazos de unión e cooperación, máis aló dos límites da comunidade galega, e o apoio, a promoción e a grande axuda na consecución destacada dos fins de Protección Civil e do seu voluntariado en Galicia.
Na súa intervención, Santiago Villanueva referiuse ao compromiso do Goberno galego con estas entidades a través de diferentes liñas de axudas. Precisamente o luns 19 publicouse a resolución da orde de axudas destinada a financiar os gastos de AVPC, que incrementou a dotación de 340.000 a 370.000 euros, e da que se beneficiarán 61 colectivos da Coruña.

Esta medida súmase á liña de apoio específica para a dotación de material, que supuxo nos últimos anos un investimento superior aos 7,6 millóns de euros na provincia e a entrega de 547 dotacións, como vehículos, embarcacións, equipos de excarceración ou kits de ferramentas, entre outros. No que se refire ao orzamento destinado ao apoio ao funcionamento nos últimos anos na provincia, a contía suma preto de dous millóns de euros.

Deja un comentario