Monday 02 de June de 2025

As oposicións de Educación desenvolveranse en 16 localidades a partir do 21 de xuño, con 20.520 aspirantes


— O conselleiro de Educación presenta o dispositivo das probas, que estará supervisado por 183 tribunais conformados por 2.562 persoas

— Ofértanse 1.664 prazas, o máximo do 120% da taxa de reposición permitido pola lei, é dicir, cubrindo 120 postos por cada 100 baixas, e o 86% delas son de novo ingreso

— Desde 2009 convocáronse 20.252 prazas, o que permitiu renovar aproximadamente dous terzos do cadro de persoal docente

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou esta mañá o dispositivo das oposicións do ensino deste ano, que se desenvolverán a partir do 21 de xuño en 16 localidades de toda Galicia.
Tal e como explicou, “serán 20.520 persoas as que participen nestas probas, optando a un total de 1.664 prazas”. “Isto supón mobilizar 915 persoas, que conforman os 183 tribunais que xulgan e supervisan os exames, un total de 2.562 persoas se temos en conta tamén os membros dos tribunais suplentes”, detallou o conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez.
Román Rodríguez salientou que este complexo operativo ten como finalidade “garantir o correcto funcionamento dun proceso selectivo no que se decide a incorporación ao sistema do piar fundamental da calidade do ensino galego: os seus docentes”.
Así mesmo, destacou a aposta da Xunta de Galicia pola renovación e estabilización do cadro de profesorado. “Este ano ofértanse un total de 1.664 prazas, o máximo do 120% da taxa de reposición permitido pola lei. É dicir, cóbrense 120 postos por cada 100 baixas”, incidiu. A oferta de emprego público deste ano eleva, ademais, a 20.252 as prazas convocadas polo Goberno galego desde 2009, impulsando unha renovación de aproximadamente dous terzos do profesorado.

Tipo de prazas
A maior parte das prazas, un total de 1.424 (case o 86%), son de ingreso libre, mentres que 10 son para o acceso ao corpo de inspectores de educación e outras 230 para que mestres que forman parte xa do sistema poidan acceder ao un posto como profesores de Secundaria.

Por corpos, no de mestres hai 426 prazas en oito especialidades, e no de profesores de ensino secundario, 918 en 33 especialidades. Pola súa banda, hai 80 prazas en oito especialidades no corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP e 10 para inspectores de educación. En canto á promoción interna, hai 230 prazas en 32 especialidades.
Reparto por especialidades e zonas
Os exames desenvolveranse en 16 localidades das catro provincias galegas, en concreto na Coruña, Ames, Betanzos, Culleredo, Ferrol, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Rábade, Ourense, Pontevedra, Lalín, Poio, Ponteareas, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

O maior número de tribunais estará nas probas das especialidades do corpo de profesores de ensino secundario, un total de 93; mentres que para mestres haberá 77 tribunais, para profesores especialistas en sectores singulares da Formación Profesional haberá 10, para a acreditación do coñecemento de galego, dous tribunais e para inspectores de educación, un tribunal.
Por provincias, haberá 81 na da Coruña, 18 na de Lugo, 19 na de Ourense e 65 na de Pontevedra. A provincia con máis opositores é, en consonancia, a da Coruña, con 9.147 opositores, seguida da de Pontevedra, con 7.277. Na de Lugo están inscritos 1.953 opositores e na de Ourense 2.143.
Toda a información ao respecto pode consultarse no dossier adxunto.

Deja un comentario