Monday 02 de June de 2025

O Castelo de San Antón e o Castro de Elviña acollen en xuño unha observación da lúa, a presentación dun disco e unhas xornadas arqueolóxicas


As inscricións para as sesións de arqueoloxía abriranse o mércores 4

O mes de xuño chega cunha ampla axenda ao Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón e o Castro de Elviña, con diferentes actividades abertas á cidadanía e cuxa inscrición abrirase o vindeiro mércores 4 de xuño. Está programada unha sesión de observación da lúa, a presentación dun disco e actividades das Xornadas Europeas da Arqueoloxía. “Desde o Goberno de Inés Rey continuamos promovendo actividades nos nosos museos para achegar todo o traballo que se fai neses á cidadanía”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

A primeira das actividades será a observación da lúa, o venres 6 de xuño de 19.00 a 22.00 horas no Castro de Elviña. O Concello colabora, como en anos anteriores, coa Agrupación Astronómica Ío nun acto denominado ‘On the Moon again’, que conmemora a chegada do home á Lúa.

Para celebrar o 50 aniversario daquel fito, convocáronse 1.350 eventos en 77 países en 2019, celebración que se segue facendo anualmente. Trátase dunha sesión divulgativa aberta ao público na que as persoas asistentes poderán vivir a observación deste satélite, así como coñecer máis polo miúdo a exploración planetaria.

O equipo da Agrupación Astronómica ÍO facilitará telescopios ás e aos participantes, nun evento que terá lugar na explanada baixa do xacemento do Castro de Elviña. Cómpre destacar que a asistencia á actividade é de balde e non precisa de inscrición previa, mais haberá capacidade limitada, respectándose a orde de chegada, e o seu desenvolvemento estará suxeita ás condicións meteorolóxicas.

Por outra banda, o sábado 7 de xuño, de 20.00 a 21.30 horas, celebrarase no Castelo de San Antón a presentación do disco ‘Gardar a auga’, de Benxamín Otero. A entrada ao acto será gratuíta ata completar capacidade. En abril de 2023, o músico Benxamín Otero pasou
varias mañás no alxibe do Castelo, gravando uns temas propios, que se converteron en ‘Gardar a Auga’, o primeiro disco gravado neste espazo, e ademais de maneira íntegra.

Trátase dun traballo espido, onde practicamente todos os temas son interpretados no corno inglés ou no óboe, sen ningún acompañamento, só as melodías, vestido polas características acústicas do lugar. Músicas improvisadas, melodías tocadas nun tempo e nun espazo. Dous anos despois, presentarase este traballo musical, en formato físico, no lugar que o veu nacer. Benxamín Otero interpretará uns temas no Patio de Armas do castelo.

Xornadas Europeas da Arqueoloxía

Por outra banda, os días 14 e 15 de xuño celebraranse no Castelo de San Antón e no Castro de Elviña as Xornadas Europeas da Arqueoloxía, con talleres infantís e para adultos e visitas guiadas a ambos espazos.

As visitas guiadas no Castelo de San Antón serán o sábado ás 12.00 e 18.00 e o domingo ás 12.00 horas Durará unha hora e 15 minutos. Por outra banda, as visitas ao Castro de Elviña serán o sábado e domingo ás 12.00 horas, cunha hora e media de duración. Haberá 25 prazas en cada sesión e as reservas poderán formalizarse a partir das 10.00 horas do mércores 4 de xuño no teléfono 981 18 98 50.

Por outro lado, haberá talleres infantís sobre arqueoloxía as dúas xornadas. No Castelo de San Antón celebrarase ‘Coas mans no barro’ e ‘Rock Art’, ás 11.45 do sábado e do domingo, respectivamente. A inscrición para cada sesión pódese facer nas seguintes ligazóns: ‘Coas mans no barro’ e ‘Rock Art’. Por outra banda, no Castro de Elviña haberá os obradoiros ‘Arqueoloxía en acción!’ e ‘Ratrexando Elviña’ ás 17.00 horas do sábado e domingo, respectivamente. As persoas interesadas poden inscribirse nas seguintes ligazóns: ‘Arqueoloxía en acción!’ e ‘Ratrexando Elviña’.

Por outra banda, tamén haberá un taller de experimentación para adultos no Castro de Elviña, que leva por título ‘Arqueoloxía de campo’. Será o sábado 14 ás 19.00 horas e as persoas interesadas poderán inscribirse na seguinte ligazón.

Deja un comentario