Monday 02 de June de 2025

Carral entrega o 28º Premio de Poesía a Branca Trigo e ao seu Especies invasoras


• O acto serviu, así mesmo, para presentar A pel do exilio, a obra coa que Silvia Penas Estévez gañou a edición de 2024.

Branca Trigo Cabaleiro recibiu, esta tarde, o galardón que a acredita como vixésimo oitava gañadora do Premio de Poesía Concello de Carral. Coa súa obra Especies invasoras, a autora conquistou aos membros do xurado desta convocatoria, que elixiron o traballo de xeito unánime. A entrega levouse a cabo nun acto que serviu como broche de ouro para o certame carralés. Na cita presentouse, así mesmo, A pel do exilio, o traballo co que Silvia Penas Estévez venceu no ano 2024.

Á entrega acudiu o alcalde, Javier Gestal; membros do goberno e da corporación municipal do Concello de Carral; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; Armando Requeixo, membro do xurado nesta 28º edición; o poeta Anxo Mena e as vencedoras desta e da pasada edición, Branca Trigo Cabaleiro e Silvia Penas Estévez, respectivamente. O acto estivo conducido polo técnico de Cultura, Carlos Lorenzo.

Durante a súa intervención, o rexedor felicitou a ambas poetas, destacando que os seus traballos contribúen “a que Carral siga sendo un auténtico referente neste xénero”.

A cita incluíu a actuación O Ritual, a cargo de Constance Hurlé. Durante a mesma, a artista convidou ao público a formar parte dunha especie de cerimonia na que a poesía, a danzateatro e a bruxería se mesturaron.
O evento concluíu cun recitado de poemas do libro A pel do exilio por parte de Silvia Penas, así como coa sinatura de exemplares por parte da autora.

Unha decisión unánime
Tras a avaliación de todas as obras presentadas, o xurado decidiu por unanimidade outorgar o premio a Especies invasoras. A obra gañadora foi eloxiada polo xurado como “un libro de poemas que explora de xeito radical a identidade, o desarraigo e a violencia estrutural”, facendo uso da metáfora da invasión biolóxica para abordar temas como o corpo, a casa e a memoria. Destacouse a súa estrutura fractal, a forza imaxinativa e a capacidade para fundir o íntimo e o colectivo nunha linguaxe poética profundamente innovadora e transgresora.

Unha voz transgresora

Branca Trigo Cabaleiro (Vigo, 1997) é poeta, editora e dinamizadora cultural. Codirixe Edicións Malafera, onde publicou os libros Coñecemento do Medo e trans0, así como varios fanzines. É tamén autora do poemario Condolore e participou en diversas publicacións colectivas como Alguén nos lembrará ou Gótico Urbano. Traballa na intersección entre poesía e outras artes a través de proxectos como Poetry Sniping: Simulacro, xunto a Pablo Rodríguez, ou accións en directo coa pintura de Ramón Trigo.
Tamén organiza o micro aberto Cerimonia de Gaivotas e coordina obradoiros de creación en distintos espazos culturais e educativos. Actualmente realiza a súa tese de doutoramento na Universidade de Vigo, centrada na monstruosidade queer dentro da poesía galega contemporánea.

Ademais da dotación económica por gañar o Premio de Poesía Concello de Carral, a obra de Branca Trigo pasará a engrosar a colección de poesía de Edicións Espiral Maior. Un ano máis, o certame carralés realizouse en colaboración coa Xunta de Galicia.

Deja un comentario